Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

“O marisco non só é bo para unha dieta sana, tamén é un dos motores económicos de Cambados”

Carmen Resúa, presidenta da Agrupación Mariscadoras de Cambados

Igual que sucede noutras actividades, a crise provocada polo Covid-19 é complicada para o sector. Como afronta esta situación?

Por agora continuamos coa actividade parada. Desde o 14 de marzo, cando se decretou o estado de alarma, non volvemos a mariscar.

No voso caso faise moi complicado cumprir coas normas de distanciamento e seguridade que esixe o estado de alarma.

Cando estamos traballando no mar ou na praia podemos cumprir relativamente ben coas medidas, pero nos barcos xa é distinto. Dous ou tres rañeiros nunha lancha non poden manter esas medidas. No noso caso, daquelas mariscadoras de a pé, o problema está á hora de pesar o marisco no punto de control e na lonxa. Nese momento prodúcese moita concentración de xente.

Estades aínda á espera de que se distribúan as axudas para o marisqueo a pé que contan co visto e prace da Unión Europea e do Goberno central?

Si, de momento as bases das axudas de Europa aínda non están moi definidas, polas novas que temos na Asociación.

Por que é importante o labor da xente do mar?

No caso do marisco, é certo que non é un produto de primeira necesidade, pero si que estaba tendo moita saída no mercado, pola súa calidade, bo sabor e propiedades nutritivas. Ademais, é un dos motores económicos de Cambados, con máis de 200 mulleres mariscadoras, á parte os homes.

É dicir, que non só é un alimento necesario para unha dieta sana e variada, senón que tamén contribúe en gran medida á economía local?

Por suposto. Dá traballo directo a máis de 200 mariscadoras pero indirectamente a depuradoras e a comercializadoras. Ademais aquí o marisco, na zona de Cambados e da Arousa, é moito máis importante que no resto da costa galega. Eu vivo disto e a miña familia tamén vive do mar. Pero como en Cambados sucede igual en Vilanova de Arousa, O Grove e o resto de confrarías da zona, tanto en marisqueo de a pé como a flote. Neste momento estamos á espera do que sucederá.