Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

“A nosa maior preocupación é o benestar das persoas, por iso garantimos desde o primeiro momento a soberanía alimentaria”

Francisco A. Alcalde García, presidente do Consello Regulador do Mexillón de Galicia.

 

Igual que sucede noutras actividades, a crise provocada polo Covid-19 é complicada para o sector. Cómo afronta esta situación? Qué pode facer a cidadanía para axudar ao sector do mar? 

Creo que a cidadanía ten en boa estima ao sector e o produto Mexillón de Galicia, considéranos unha actividade respectuosa co medio ambiente e un produto san e nutritivo. A medio e longo prazo esta crise vai mudar a mellor esta visión, considerando ademais que o sector é unha base fundamental da cadea de abastecemento alimentario, por iso a DOP Mexillón de Galicia, dende o inicio da crise, tomou unha serie de medidas encamiñadas a garantir o mantemento da subministración como garantía de soberanía alimentaria. É de agradecer esa actitude da cidadanía, porque son elas, as persoas consumidoras, a razón de existir do sector e tamén a razón para poñer o máximo empeño en facer as cousas cada día mellor.

Cal considera que é a importancia do sector do mar e, máis concretamente, da súa actividade para a sociedade e a economía galega?

O sector do mar ten un peso específico no entramado socieconómico galego de sobra coñecido. E, nese escenario, o mexillón ocupa un lugar predominante porque produtores, transformadores, comercializadores, industria auxiliar, etc. conforman una industria capaz de achegar riqueza e prosperidade nas zonas costeiras onde ten presenza, representando un puntal a nivel económico e social. Ademais, a soberanía alimentaria revélase transcendente (máis aínda en situacións como a presente) e, dentro dela, o sector primario, agricultura, gandería, pesca e acuicultura, son os piares nos que se sustentan o resto de actividades da cadea de subministración alimentaria (transformación, elaboración, distribución) para poder seguir realizando o seu desempeño. De forma que un sector primario autóctono propio e robusto é garantía e fortalece aos operadores dos seguintes elos da cadea; fomenta e reforza a súa independencia respecto a intereses de terceiros, e garante a satisfacción das necesidades básicas das persoas consumidoras. Esta é unha das cuestións importantes para a sociedade e a economía galega: a orixe convértese tamén en garantía de desenvolvemento local e a Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia en avalista.

Que características propias da súa actividade fan que sexa esencial para a sociedade?

Como se está poñendo de manifesto por -cada vez máis- relevantes autoridades especializadas na materia, é evidente a necesidade da Unión Europea de ser capaz de equilibrar a súa dependencia de medicinas, materiais sanitarios, compoñentes estratéxicos, etc. de outras zonas xeográficas para solucionar crises sanitarias propias e axudar aos demais cando unha crise sanitaria sexa planetaria como na que estamos. Pois en maior medida é necesario garantir a soberanía alimentaria, que se porá de manifesto e a proba en calquera das crises que se produzan e calquera que sexa a súa causa, pois en todas elas subxace como necesidade básica a capacidade de producir e abastecer de alimentos á cidadanía. Esta é unha das características do sector mexilloeiro no seu conxunto, a que se pon de relevo para robustecer a soberanía alimentaria. Ao mesmo tempo, está caracterizada por ser unha actividade profundamente ligada á nosa cultura, á nosa paisaxe e á nosa forma de ser como galegos.

Por que cre que é vital consumir produtos do mar?

Unha dieta san e saudable ten que incorporar necesariamente produtos do mar e, nese sentido, Mexillón de Galicia é unha parte fundamental desa dieta. Pero, a maiores, o Mexillón de Galicia tamén é apreciado polas persoas que senten pracer por unha boa e deliciosa comida, por iso cada vez máis forma forma parte das actividades colectivas e das celebracións sociais significadas.