Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

“A campaña #QuedaCoNosoMar é moi valiosa para amosar os grandes beneficios que achega o mar e o marisqueo”

Miguel Iglesias, patrón maior da Confraría de Rianxo

Miguel Iglesias, patrón maior da Confraría de Rianxo.

 

Como afronta a xente do mar de Rianxo a situación provocada pola pandemia da Covid-19?

O momento é duro. Baixaron as vendas e, ademais, está o problema do risco para a saúde da xente traballadora que vai ao mar.

Refíreste á necesidade de garantir a hixiene e distancia de seguridade.

Intentamos que se respecte, na medida do posible, esa distancia, aínda que é complicado no noso sector, sobre todo para as persoas que traballan en embarcacións.

Como está a actividade respecto ao que soe ser habitual?

Tras iniciar a actividade timidamente a semana do 27 de abril, a partir do 4 de maio xa comezamos a traballar con certa normalidade dentro desta situación atípica. Están operando todas as actividades do sector do mar. Porén, o problema é o mercado, que non sabemos que tipo de demanda haberá para que absorba todo o marisco.

Porque o marisco é o produto maioritario na vosa zona.

Esta Confraría, o 80%-90% é exclusivamente marisqueira. Esta semana están traballando tanto a xente de marisqueo a pé como a flote, o que nos permitirá saber para que produtos hai maior demanda. A semana previa alternábase o marisqueo a pé e a flote, pero así non é rendible. E hai que sondar o mercado e comezar canto antes coa normalidade.

Cantas persoas traballan no mar na vosa zona?

Só de marisqueo a pé hai máis de cen persoas e a flote, tendo en conta que hai unhas 150 embarcacións e dous persoas por barco, suma outras 300 persoas.

O marisco non é un produto de primeira necesidade pero si vital para unha dieta sa e variada, ademais de moi relevante para a vosa economía local.

Si, é un traballo que reparte moi ben os beneficios para todos e entre moitas familias. As confrarías son empresas fortes, que xeran moito emprego. E esta riqueza fica na zona e dálle vida a pobos como Rianxo.

Si, están consideradas como unha fórmula de economía social polo benestar que xeran.

Totalmente de acordo. En Rianxo dá de comer a unhas 400 familias, ao que se suma o emprego que xera de forma indirecta. Debido á riqueza que crean, as confrarías aínda deberían ter un maior recoñecemento, igual que o que teñen outras empresas privadas fortes.

Precisamente con campañas como #QuedaCoNosoMar queremos concienciar a orixe de moitos produtos frescos que consumismo e poñer en valor o voso traballo.

Esta campaña que se está facendo é moi valiosa e espero que se manteña unha vez superada a situación provocada pola Covid-19, que non se esqueza o labor diario da xente do mar. Este tipo de campañas deberían ter unha maior continuidade, funcionar como unha especie de recordatorio, para que non se esqueza de onde proceden alimentos tan importantes como o peixe e o marisco.