
- O GALP Ría de Pontevedra explorou iniciativas sostibles xunto a confrarías catalás
- A entidade organiza dous talleres informativos sobre a nova convocatoria de axudas en Poio e Sanxenxo
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra embarcou nun viaxe de intercambio á Costa Brava os días 4 e 6 de outubro. A delegación estaba conformada por representantes dos GALPs das Rías de Pontevedra, Arousa e Vigo – A Guarda.
Este intercambio permitiu aos integrantes do GALP coñecer e compartir experiencias, prácticas e coñecementos con diversas confrarías de pescadores, institucións e entidades do sector pesqueiro catalán. A iniciativa busca coñecer de primeira man as iniciativas que dende o sector pesqueiro catalán se están desenvolvendo co financiamento dos GALPs e impulsar a sostibilidade e a innovación no ámbito pesqueiro.
Durante as visitas a Palamós, Roses, Llançà e L’Escala, os membros do GALP tiveron a oportunidade de coñecer as proxectos promovidos tanto por confrarías en solitario como en colaboración cos concellos co propósito de promover o consumo de peixe local, a pesca sustentable, a valorización dos produtos pesqueiros e a conservación do patrimonio marítimo e pesqueiro. As reunións con representantes das confrarías e entidades locais xerou un intercambio enriquecedor de ideas e experiencias, contribuíndo ao obxectivo común de fomentar un sector pesqueiro máis sostible e resiliente.
“Foron tres días de intenso intercambio coas confrarías da Costa Brava, moi produtivos xa que coñecimos de primeira man os sistemas de xestión das pesquerías que están desenvolvendo aproveitando as axudas para establecer paros biolóxicos retribuídos aos pescadores que permiten a recuperación do recurso. Tamén teñen unha óptica diferente na xestión das súas entidades que lles impulsa a desenvolver proxectos que garantan a súa sustentabilidade económica máis alá das axudas. Están empregando as axudas para o desenvolvemento de proxectos produtivos mais que para a dotación de infraestructuras, é ir un paso máis alá”, di a xerente do GALP Ría de Pontevedra.
A delegación do GALP Ría de Pontevedra estivo conformada por seis persoas: a presidenta do GALP e patroa maior da Confraría de Lourizán, María del Carmen Vázquez; o patrón maior da Confraría de Pontevedra, César Rodríguez Piñeiro; a presidenta da Asociación Cultural de Mulleres do Mar de Poio, Raquel Gómez Moreira; a vicepatroa da Confraría de Raxó, María Elena Padín; un representante da Irmandade Illa de Tambo, Miguel Ángel Aris Abilleira e a xerente do GALP Ría de Pontevedra, Laura Nieto Zas.
Nova convocatoria de axudas
O GALP Ría de Pontevedra organiza unha batería de talleres informativos dirixidos a empresarios/as, asociacións e entidades do sector pesqueiro, con motivo da convocatoria de axudas ao amparo do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, cuxo prazo de presentación de proxectos finaliza o 26 de outubro do presente ano.
Estes talleres teñen como obxectivo proporcionar asesoramento e información detallada sobre a presentación de solicitudes de axudas a proxectos ao amparo da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP Ría de Pontevedra. Durante as xornadas, presentarase a convocatoria de axudas facendo fincapé nas novidades respecto do período anterior, seguido dun espazo de networking e un taller práctico sobre como presentar un proxecto.
A primeira xornada celebrouse onte en Marín, hoxe será a quenda de Poio e mañá o de Sanxenxo. O taller deste martes está dirixida a asociacións e celebrarase no Pazo Besada e o do mércores, a empresarios e celebrarase no Real Club Náutico de Sanxenxo.
A participación nestes talleres, no que colaboran os respectivos Concellos, é gratuíta, e require inscrición debido ao aforo limitado. Para máis información e inscricións, pódese contactar co GALP Ría de Pontevedra a través do teléfono 886 213 015 ou do correo electrónico gacpontevedra@gmail.com