Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Máis de 30 emprendedores asisten ás xornadas de asesoramento do GALP Ría de Pontevedra

Máis de 2 millóns de euros para proxectos que dinamicen a contorna da ría

Un total de 34 emprendedores, dezasete mulleres e outros tantos homes, da área de influencia do GALP Ría de Pontevedra veñen de participar nas xornadas de asesoramento destinadas ás persoas solicitantes das axudas para proxectos relacionados co mar organizadas polo GALP. Nestas xornadas informouse pormenorizadamente sobre as axudas para a posta en marcha de proxectos ligados ao sector pesqueiro e ao patrimonio cultural marítimo pesqueiro. Nese sentido, en cada sesión abordáronse cuestións que ían desde os potenciais beneficiarios das axudas ata as contías máximas de financiamento pasando polos procedementos a realizar e a presentación de casos de éxito. Con estes talleres de asesoramento buscouse facilitar o deseño, presentación e tramitación dos procedementos necesarios para a solicitude destas axudas como a memoria de solicitude, o deseño do plan de empresa ou a xustificación técnica e de gastos. Entre as persoas participantes as dúbidas máis frecuentes centráronse en determinados apartados da memoria técnica, así como nos aspectos de valoración e financiamento das axudas. Igualmente, varios dos asistentes presentaron dúbidas sobre as inversións financiables e o encaixe dos proxectos coa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), requisito excluínte desta liña de axudas.

As axudas

Anualmente preséntanse dúas convocatorias para subvencionar proxectos. A primeira convocatoria de axudas para este 2020 rematará o 2 de marzo e poden presentarse a elas proxectos empresariais que promovan o desenvolvemento da contorna da Ría de Pontevedra. O GALP dispón de máis dous millóns de euros para os proxectos que se presenten a esta convocatoria. Os importes divídense entre os proxectos produtivos que superan o millón e medio de euros repartidos en tres anualidades o os proxectos non produtivos que repartirán un importe de case 550.000 euros tamén en tres anualidades. As axudas poderán conseguir ata o 50 % do investimento, que pode chegar ata o 80% para proxectos vinculados á pesca costeira artesanal. Pola súa banda, nos proxectos non produtivos con finalidades non económicas, que cumpran determinados requisitos, a axuda pode ser do 100 % de subvención. Recordar que nas oficinas do GALP situadas no porto de Marín (Departamento de exportadores, 14. Lonxa de Marín.) aténdense as consultas dos promotores, este servizo tamén está dispoñible telefonicamente no 886 213 015