Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Ría de Pontevedra impulsa en Poio a cociña saudable e o consumo de proximidade cun obradoiro de cociña

  • A Casa Rosada acollerá catro xornadas para aprender a sacarlle o máximo partido ao peixe e marisco cun enfoque saudable
  • O obradoiro combina formación nutricional e práctica culinaria para potenciar o valor dos recursos mariños da ría
  • A actividade conta coa colaboración do Concello de Poio e o financiamento de Fondos Europeos e a Xunta de Galicia

 

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra continúa coa súa aposta da promoción de hábitos de consumo responsables e valorización dos recursos mariños de proximidade. Nesta ocasión, a iniciativa chega ao concello de Poio coa celebración do II Obradoiro de nutrición e cociña con produtos do mar.

O curso, que e de carácter gratuíto, terá lugar na Casa Rosada de Poio os días 26 de maio e o 2, 9 e 16 de xuño. O horario será de 16:30 a 18:30 horas. Dado que o aforo é limitado, as persoas interesadas deberán inscribirse previamente chamando ao teléfono 886 21 30 15 ou a través do código QR dispoñible na cartelería oficial.

O obradoiro está deseñado para ofrecer unha experiencia completa que combina unha parte teórica con outra práctica. Na vertente teórica, abordaranse cuestións fundamentais como a planificación dunha dieta equilibrada, a correcta selección e conservación dos alimentos e o alto valor nutricional que o peixe e o marisco achegan á saúde. Na parte práctica, os asistentes aprenderán a elaborar receitas utilizando produtos da nosa ría, fomentando unha aprendizaxe participativa e directamente aplicable á cociña do día a día.

Esta actividade conta coa colaboración directa do Concello de Poio e está cofinanciada pola Unión Europea e a Xunta de Galicia a través da Consellería do Mar. A iniciativa enmárcase na Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) do GALP, aliñada cos obxectivos de dinamización do territorio e fortalecemento do vínculo entre a cidadanía e o sector marítimo-pesqueiro.

“Con este novo ciclo en Poio, o GALP Ría de Pontevedra reforza o seu compromiso coa educación alimentaria e a promoción dos produtos de proximidade, esenciais para a sostibilidade da economía local e o benestar da poboación”, explica a xerente da entidade, Laura Nieto.