Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A empresa Puerto de Celeiro do GALP A Mariña-Ortegal súmase á campaña #QuedaCoNosoMar #QuedaConNuestroMar

 

Eduardo Míguez, Director Adxunto de Puerto de Celeiro.

“Mantemos a actividade por responsabilidade, para garantir a proteína de peixe á sociedade”

Igual que sucede noutras actividades, a crise provocada polo Covid-19 é complicada para o sector. Como afronta Puerto de Celeiro esta situación?

Un dos elementos que define a situación actual é a incertidume. Estamos traballando con normalidade, no sentido de que os barcos están indo a pescar exactamente igual, pero con incertidume desde o principio porque houbo unha subida de prezos os dous primeiros días do estado de alarma e logo caeron en picado a partir do terceiro, o que acrecentou o nivel de desesperación do sector. Logo pasamos unha semana difícil con prezos moi baixos e a xente meditaba ata que punto era lóxico que arriscaran a súa saúde, con poucos materias de prevención (EPIs), para logo chegar á lonxa e perder cartos. É verdade que a partir da terceira semana a situación cambiou e a demanda foise regulando, co cal os prezos están sendo medianamente razoables e a xente está traballando.

Non houbo ningún contaxio na frota?

Tivemos a sorte de que por agora non houbera barcos afectados pola Covid-19, e iso tamén axudou. Estamos facendo o que podemos no tema da protección das persoas que utilizan as nosas instalacións. Limitamos o acceso a persoas que non traballan na lonxa e xestionamos outros cambios para evitar concentracións, algo que soe ocorrer con frecuencia, sobre todo nas subastas de peixe.

É de salientar o feito de que centos de persoas continúen co seu labor a pesar dos riscos de contaxio. 

Por suposto. Na segunda semana, a pesar da caída de prezos, os barcos decidiron manter a saída ao mar por unha cuestión de responsabilidade, xa que tanto eles coma nós consideramos que non era convinte interromper a cadea de subministración de proteína de peixe á cidadanía. Pensamos que tiñamos que estar aí como apoio da sociedade.

De feito, a lonxa de Celeiro xera un gran volume de actividade, que a sitúa entre as cinco máis importantes de Galicia.

Correcto. O coronavirus Covid-19 non só ataca á saúde, senón tamén á economía, polo que creo que os que poidamos traballar debemos seguir facéndoo para intentar superar esta situación. Pero nisto contamos coa colaboración doutras entidades e colectivos, como o Grupo Nove, que fixo alegatos a favor do produto do mar. Ou a través do Comité de Produtos do Mar, do que son o Presidente, no que estivemos en contacto con todas as comercializadoras, ás que solicitamos responsabilidade nos prezos, para que os que se cobran no supermercado vaian en sintonía coa baixada que se rexistra na lonxa. A verdade é que só temos palabras de loubanza, porque ninguén, desde as comercializadoras ata os transportistas, puxo ningún tipo de problema e colaboraron en todo momento.

Qué produtos do mar están máis afectados?

Hai determinadas especies de baixura como poden ser o marisco, rodaballo ou centola, que teñen unha maior caída dos prezos porque se consumían sobre todo en restaurantes, que agora están pechados.  

Se tivera que explicar brevemente á cidadanía por que é importante consumir produtos do mar, que lle diría?

É verdade que a oferta de peixe nacional é inferior á demanda en condicións normais e, entón, é necesaria a importación de produto. Nesta situación, freáronse moito as importacións. Por tanto, é aí onde debe estar a oferta nacional para satisfacer a proteína de peixe. Agora estamos nunha etapa na que hai menos puntos de subministración, polo que o noso deber é aínda maior e temos que estar aí, para que a xente poida comer san e variado.

Están tendo máis demanda doutras zonas de España?

Non, máis ou menos é practicamente a mesma. Tamén é certo que xa antes da situación provocada pola Covid-19 xa chegabamos a todos os puntos de España, aínda que vendiamos sobre todo a Madrid e Barcelona. Non houbo grandes cambios.