Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

#QuedaCoNosoMar #QuedaConNuestroMar A Fundación Expomar está moi implicada na concienciación sobre a necesidade de visibilizar o labor do sector pesqueiro e tamén de consumir produto fresco para apoialo

 

Alfredo Llano, Presidente da Fundación Expomar e Vicepresidente do GALP A Mariña-Ortegal

 

“É unha sorte contar coa xente do mar, que tan ben atende o seu oficio e do que toda a sociedade se beneficia”

 

A Fundación Expomar está moi implicada na concienciación sobre a necesidade de visibilizar o labor do sector e tamén de consumir produto fresco para apoialo.

Efectivamente. Contamos co sector e apoiámolo en todo momento. Cada vez que se merca produto do mar estase apoiando a miles de homes e mulleres e ás lonxas que abren a diario para achegar esa vitamina D que tanto precisamos durante o confinamento.

Como valorades a situación actual na Mariña?

A situación mellorou desde o comezo do estado de alarma e a actividade está funcionando relativamente ben. É unha sorte contar con esta xente que está dedicada a atender ben o seu oficio. Os beneficiarios somos todos e todas as mariñáns e as persoas que mercan os produtos procedentes dos portos de Celeiro, Burela ou calquera outra vila mariñeira da zona. 

Cal considera que é a importancia do sector do mar e, mais concretamente, da súa actividade, para a sociedade e a economía de Galicia?  

Consideramos que é un sector primordial e esencial, pola súa capacidade económica e de xerar emprego, non só de forma directa, senón tamén indirecta, que aínda é maior. En zonas costeiras como a Mariña e Ortegal a contribución é moi importante. Pero, ademais do aspecto económico, tamén temos a riqueza cultural que xera o sector pesqueiro e marisqueiro, que nos apega ao mar, un dos sinais de identidade da nosa terra.

Ademais, estamos a falar dun produto de primeira necesidade.

Si, o peixe é un produto necesario, sen lugar a dúbidas, que é único na nosa dieta, e que debemos seguir incorporando para fomentar unha alimentación san e, ao mesmo tempo, respaldar á xente mariñeira.