Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Testemuñas da Asociación de Redeiras Cabo Burela no marco da campaña #QuedaCoNosoMar #QuedaConNuestroMar do GALP A Mariña-Ortegal

 

María Jesús Alonso, Presidenta da Asociación de Redeiras Cabo Burela

 

“O traballo das redeiras é esencial para o sector do mar, somos un dos primeiros elos da cadea”

 

A pandemia da Covid-19 mantén o sector do mar con menor actividade. Cal é a situación das redeiras de Burela?

Estamos sen traballar dende o comezo do estado de alarma e volvemos á actividade o 4 de maio.  

E o voso traballo é clave para os mariñeiros.  

Si, é esencial, porque sen o material que elaboramos o sector non pode traballar da mesma forma e coa mesma eficacia.

Para as persoas que non coñecen o voso labor, en que consiste a vosa rutina habitual?

Cada unha confecciona as súas propias redes e ten o seu espazo, pero tamén compartimos materiais e espazos. Os horarios e a continuidade da xornada varían en función de cada traballadora, xa que hai algunhas que proceden de localidades distintas a Burela. As que somos de aquí facemos entre oito e nove horas diarias.

Precisamente ese contacto e proximidade entre as traballadoras podía facer complicado manter a actividade nestas últimas semanas, polos riscos...

A maioría da xente que tiña patoloxías tiña medo de traballar por risco a contaxios e decidimos parar. Como agora se están reactivando algunhas actividades do mar, acordamos voltar, pero non todas o farán debido a cuestións de saúde.

Unha das razóns para a volta tamén será a necesidade de ingresos.

Claro, se non traballamos, non cobramos. E os gastos mantéñense, desde a cota da Confraría ata a da Seguridade Social.

E hai embarcacións que poden ter carencia de redes?

A maioría da nosa clientela soe ter repostos e non é preciso depender a diario ou en tempo real do noso traballo. Isto foi unha mellora que se implementou no seu día para así poder flexibilizar o noso traballo e garantir a autonomía das embarcacións.

Por qué consideras que é importante o voso labor?

O noso labor é moi importante porque sen redes os barcos non poden ir ao mar, aínda que somos as menos visibles, incluso sendo un dos primeiros elos da cadea. E o sector do mar precisa maior recoñecemento pola contribución que fai á nosa dieta, facéndoa máis rica e saudable.