Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Espazo Proxectos no GALP Golfo Ártabro Norte: xornada participativa no marco da avaliación intermedia do FEMPA

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte continúa co desenvolvemento do proceso de avaliación intermedia da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo, no marco do programa FEMPA.

Neste contexto, celébrase o Espazo Proxectos, unha xornada participativa dirixida a persoas promotoras e solicitantes de proxectos, co obxectivo de analizar o impacto das actuacións financiadas, identificar posibles melloras na xestión dos fondos e recoller propostas de cara ao futuro no marco do programa FEMPA 2021-2027.

A sesión estrutúrase en dous encontros diferenciados segundo o perfil das persoas participantes:

Mércores, 22 de abril

12:00 h | Sector pesqueiro: dirixido a profesionais do sector (persoal técnico e administrativo, biólogos/as, confrarías, etc.)
19:00 h | Iniciativas privadas, sociais, empresariais e institucionais

Lugar: Rúa Curro, 33 -  Casa do Pescador (Miño) 

O Espazo Proxectos configúrase como un foro de diálogo e análise cualitativa no que se abordarán cuestións como o impacto territorial dos proxectos, as dificultades na xestión das axudas, o funcionamento do proceso de concorrencia competitiva e as oportunidades de mellora na implementación do programa.

A participación das persoas implicadas resulta fundamental para garantir unha avaliación completa e orientar a toma de decisións futuras cara a unha maior eficacia das políticas públicas no ámbito pesqueiro e costeiro.

Máis información: 981 784 417