
O GALP Golfo Ártabro Norte pon en marcha, no marco das súas actividades de animación e divulgación para 2026, un certame de debuxo e fotografía dirixido ao alumnado dos centros educativos de Ares, Ferrol, Mugardos e Pontedeume.
A iniciativa busca achegar as novas xeracións á realidade do sector pesqueiro e marisqueiro e dar visibilidade aos oficios do mar, ao traballo nos portos e nas lonxas, ás peixerías, aos produtos mariños, á gastronomía e ao patrimonio marítimo do territorio. A convocatoria conta con dúas propostas adaptadas ás diferentes etapas educativas.
O alumnado de Educación Primaria poderá participar no concurso de debuxo “A miña peixería e máis eu”, centrado no traballo das peixeiras e peixeiros, nos produtos locais do mar, nos beneficios do consumo de peixe e marisco e na cociña mariñeira.
Pola súa banda, o alumnado de 1º a 4º da ESO poderá participar no certame fotográfico “Falan as ondas do mar”, achegando a súa propia mirada sobre a pesca artesanal, o marisqueo, os portos, as lonxas, as peixerías, as paisaxes costeiras, o patrimonio marítimo e a sustentabilidade pesqueira.
En total están convocados 41 centros educativos: o CPI As Mirandas, en Ares; 4 centros de Mugardos; 6 de Pontedeume e 30 de Ferrol.
Unha exposición itinerante nos mercados municipais
Os traballos seleccionados formarán parte dunha exposición itinerante que durante o mes de novembro percorrerá os mercados municipais de Ferrol, Ares, Mugardos e Pontedeume, levando a estes espazos a mirada do alumnado sobre o mar, a pesca e o marisqueo.
O prazo para presentar os traballos remata o 19 de outubro de 2026.
Desde o GALP Golfo Ártabro Norte animamos aos centros educativos dos catro concellos a participar nesta iniciativa, facendo un chamamento especial ao profesorado das áreas de Plástica, Ciencias Sociais, Ciencias Naturais, Historia e Bioloxía, para contribuír a achegar ás aulas o coñecemento e o valor dos oficios vinculados á pesca e ao marisqueo.
Bases e participación
Concurso de debuxo para alumnado de Primaria – “A miña peixería e máis eu”
Consultar as bases do concurso de debuxo
Concurso de fotografía para alumnado de Secundaria – “Falan as ondas do mar”
Consultar as bases do concurso de fotografía
Para máis información e para solicitar o modelo de adhesión ao proxecto: maicafreire@gmail.com.
Actividade desenvolvida no marco das actividades de animación e divulgación do GALP Golfo Ártabro Norte para 2026, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA): 70 % Unión Europea e 30 % Xunta de Galicia.

