Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

“A filosofía do proxecto é o coidado da natureza e a aposta por produtos de proximidade, como os do mar”

Anxo Rodríguez, promotor do Hotel Restaurante Faro Corrubedo

Anxo Rodríguez, promotor do Hotel Restaurante Faro Corrubedo.

 

Actualmente o Hotel Restaurante Faro Corrubedo está en proceso de reforma, previo á súa apertura.

Si, isto antes era un faro do século XIX, que estamos reconvertendo en hotel e restaurante.

En que consiste esta reconversión e que prazos seguirá.

Por agora non podo precisar os prazos. En circunstancias normais, este verán poderiamos estar traballando. Ademais do parón que houbo na construción, tamén dependemos de provedores e da incerteza en moitas medidas. Porén, continuamos co proxecto. Pero aínda hai moitas respostas que non teño a día de hoxe porque estamos pendentes das novidades que vai avanzando o Goberno. Só esperamos que as medidas de adaptación dos locais non impliquen grandes cambios con respecto ao plan inicial. Por exemplo, a limitación de aforo pode afectar ao proxecto, non necesariamente en sentido negativo, pero si suporía cambios.

O establecemento está pensado para ser un hotel de catro estrelas e un restaurante.

Correcto.

Como valoras algunhas das medidas para a desescalada da Covid-19 que se barrallan como, por exemplo, a opción de incorporar biombos.

O tema das biombos nun negocio de restauración non me convence. Non creo que a xente estea moi cómoda nun restaurante con este tipo de delimitacións. Son partidario de distanciar as mesas ou reducir o aforo porque igual nos próximos meses xa se pode ampliar a capacidade e así non é preciso facer un investimento adicional en obras ou adaptacións.

Cales son as túas sensacións para os próximos meses?

Imos a saír desta, estou convencido. En que condicións? Economicamente non moi ben. Pero hai vida. O mundo dá todos os días unha volta e, ás 24 horas, volve a saír o sol. Pero na hostalaría van a caer moitos negocios. Agora mesmo non podo achegar máis que ánimo ao sector e que imos a saír desta entre todos.

No restaurante consumiredes produtos do mar e traballaredes estreitamente co sector.

Si. No plan de negocio elaborado hai dous anos xa incluimos a oferta de produto de proximidade no restaurante. No hotel seguimos unha liña media-alta, un hotel boutique, no que haxa un respecto pola contorna e a natureza, con produtos orgánicos e roupa de cama con tecidos naturais. Queremos que se note que hai un coidado da natureza e unha aposta por produtos de proximidade. E, pese á situación actual, non pretendemos renunciar a iso porque suporía renunciar ao proxecto orixinal. Poderemos limitar temporalmente certos aspectos para cumprir coas medidas sanitarias, pero non á abandonaremos a súa filosofía.