Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O 29 de outubro celebrarase a xornada "Talento Azul" para compartir experiencias en crecemento sostible

 

O próximo 29 de outubro, o GALP Ría de Arousa celebrará, xunto co resto de GALPs de Galicia, a xornada "Talento Azul", na que se reflexionará sobre as oportunidades que ofrece o crecemento azul como alternativa de futuro para o desenvolvemento económico e social das poboacións costeiras.

Nesta sesión de traballo, que terá lugar no Salón de Congresos e Exposicións José Peña de Cambados, os 8 grupos de acción local costeira de Galicia, presentarán proxectos destacados dos seus territorios, que darán lugar a un intercambio de experiencias e a unha reflexión conxunta, para obter inspiración de cara á última convocatoria de axudas europeas deste periodo (ata marzo de 2021).

Despois da presentación de cada proxecto, abriranse espazos de debate e intercambio divididos en tres áreas de interese, para que as persoas asistentes poidan facer consultas directas sobre posibles ideas e iniciativas, e mesmo axendar encontros.

Unha oportunidade única para aproveitar os fondos europeos

Desde o GALP Ría de Arousa destacan que tanto o territorio da Arousa como outras áreas costeiras galegas necesitan máis que nunca abrir camiños para o novo futuro que se debuxa nesta complicada situación actual. Dado que ata marzo de 2021 estará aberta a última convocatoria de axudas europeas deste periodo, o GALP considera vital que a Arousa aproveite ben eses recursos presentando proxectos innovadores, que mostren o gran talento desta terra.

A ría de Arousa conta cun enorme potencial material e humano para desenvolver proxectos que logren diversificar o sector do mar e facer deste territorio un referente no ámbito do crecemento azul. Nesta xornada coñeceranse iniciativas que se teñan desenvolvido con éxito noutros territorios, para replicalas ou adaptalas ao contexto da Arousa.

A continuación, pódese consultar o detalle do progama da sesión: 

programa xornada talento azul 2020