Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

“O mar é moi importante no Grove, sen el non funciona o resto de sectores”

José Besada, presidente de Emgrobes

José Besada, presidente de Emgrobes.

 

Numerosos negocios relacionados co mar forman parte de Emgrobes. Como están afrontando a situación provocada pola Covid-19?

A situación é bastante complicada. Pero non só aquí. Hai comercios pechados, empresas a medio gas en todas as partes e en todos os sectores. Creo que a Covid-19 é un problema, pero agora imos a entrar noutro: o económico. Hai moitas empresas que van quedar polo camiño. Tamén é certo que hai empresas que están mellor.

Como valora a campaña #QuedaCoNosoMar.

Moi ben, porque se están facendo cousas interesantes e considero que todo o que se faga neste sentido é positivo para as rías e o sector do mar. Agora mesmo hai unha chea de proxectos pendentes debido ao Covid-19, que haberá que volver valorar.

En Emgrobes hai moitas empresas vinculadas co mar, verdade?

Si, desde fábricas de conservas ata depuradoras de marisco.

A maioría estará traballando, pero non ao mesmo nivel que antes.

Están traballando e incluso hai algunha empresa, como a marca Conservas Isabel da empresa Conservas Selectas, que mantivo a súa actividade, día e noite, durante toda a pandemia, aínda que coa metade de persoal. E sempre mantendo unhas medidas de hixiene e seguridade moi estrictas. E as depuradoras de marisco tamén continúan traballando.

O marisco na vosa zona xera un gran volume de negocio.

É moi importante. O problema agora é a quen venderllo, sobre todo coa restauración e hostalaría pechadas. É un produto perecedoiro.

Con esta crise comprobouse que o sector primario e, concretamente, o do mar é moi importante.

Claro que é importante. Aquí no Grove hai tres patas: o mar, a hostalaría e servizos. O mar é moi forte. E todo está relacionado. Se falta a hostalaría sofre o mar e ao revés. Sen o mar non funciona o resto de sectores.

Esperemos que coas fases de desescalada poidan ir normalizando pouco a pouco a actividade.

Iremos vendo como se desenvolve, xa que hai moitos negocios, sobre todo da hostalaría, que non poden abrir con aforo limitado do 30% ou 50%, porque non lles é rendible.

Como ve os próximos meses.

Seguiremos traballando na medida que vaian permitindo as normas sanitarias, sempre mantendo as precaucións, porque este virus aínda está connosco. Primeiro é a saúde, pero a economía tamén é clave e hai que procurar un equilibrio.