Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Ría de Pontevedra pon en marcha o proxecto ‘Un mar en común’ para dinamizar o tecido asociativo

  • A iniciativa foi presentada no Museo Torres de Marín e nela participan tamén os GALP Ártabro Norte, Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal

Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra presentou este mércores no Museo Torres de Marín o proxecto Un mar en común: A afouteza da xente do mar. Trátase dunha iniciativa cooperativa, que é coordinada por esta entidade e na que participan tamén os GALP Ártabro Norte, Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal.

A presentación, dirixida ao sector social do GALP Ría de Pontevedra, contou coa participación de Cristina Valdés Méndez, antropóloga e investigadora responsable do proxecto, cuxo obxectivo é fortalecer o tecido asociativo territorial dos GALP, dotando de ferramentas ás persoas e ás entidades para mellorar a súa relación e a súa comunicación interna e externa.

plan de traballo permitirá facer unha diagnose da situación na que se atopa o sector social e poñer en marcha un conxunto de accións (talleres, intercambios de boas prácticas) para impulsar a cooperación e a colaboración interterritorial. Estará estruturado en catro fases: na primeira entrevistarase aos integrantes das asociacións que forman parte dos GALP para coñecer as súas opinións; na segunda realizaranse os cursos de formación segundo as necesidades que traslade cada grupo; na terceira farase unha posta en común entre as entidades pertencentes aos diferentes Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro e por último, na cuarta fase, publicaranse os resultados acadados durante a investigación e propoñerase un manual de boas prácticas que sirva de guía para manter a dinamización do tecido asociativo no futuro.

Cristina Valdés, en representación do equipo investigador de Un mar en común: A afouteza da xente do mar, anima ás persoas que forman parte das asociacións a colaborar nesta iniciativa ideada “para eles, na que a máxima é a opinión e a participación dos integrantes do GALP”.

Mesa Sectorial Social

Na xuntanza deste mércores tamén se propuxo a elección dun novo representante do sector social nas súas tarefas de representación na Xunta Directiva do GALP Ría de Pontevedra, trala baixa da anterior persoa que ocupaba este cargo.