Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A crise provocada polo Covid 19 afróntase con moita preocupación, xa que hai familias literalmente sen ingresos

Campaña #Quedaconosomar

Igual que sucede noutras actividades, a crise provocada polo Covid-19 é complicada para o sector. Como afronta esta situación? Que pode facer a cidadanía para axudar ao sector do mar?

A crise provocada polo Covid 19 afróntase con moita preocupación, xa que hai familias literalmente sen ingresos. O paro na restauración fai que nós, que somos un sector que traballamos un produto que vai dirixido basicamente á restauración, esteamos nunha situación crítica e sen saída para o noso produto.

Isto fai que os prezos de mercado caian e que haxa mariñeiros que van ao mar, ao choco por exemplo, e que non cubran gastos.

Precisamos da administración axudas ao noso sector e da sociedade que se implique na defensa dun sector que é parte fundamental da economía da vila

Tamén precisamos que se implique toda a sociedade no saneamento da ría e na ecoloxía, xa que unha ría limpa e unha ría produtiva.

 

 Cal considera que é a importancia do sector do mar e, mais concretamente, da súa actividade, para a sociedade e a economía de Galicia?

O sector do mar é un sector produtivo estratéxico para a economía de Galicia. Supón unha porcentaxe de PIB moi elevado, polo tanto, Galicia non se pode entender sen a actividade mariñeira.

O mar está presente na sociedade, na cultura, no urbanismo … É imposible entender a nosa sociedade sen o mar.

 

Canto emprego e volume de facturación xera o sector do mar na zona.

O sector do mar é o principal motor económico do concello de Soutomaior, e de todo o fondo da Ría de Vigo. Só en Soutomaior da de comer a mais de 200 familias, e a facturación da Confraría de Arcade achégase aos dous millóns de euros.

 

Que características propias da súa actividade fan que sexa esencial para a sociedade?

A principal característica da actividade mariñeira no fondo da ría é ser unha actividade repartida entre moitas familias, co cal o impacto económico deixase sentir en toda a economía do concello. Socialmente o mar está presente dun xeito ou doutro en todas as familias da contorna. Ao igual que o mar é esencial para a actividade económica e o sustento das familias, os problemas do mar, son problemas que afectan tamén a toda a sociedade, xa que por exemplo, a diminución de ingresos nos mariñeiros e mariscadoras supón unha rebaixa moi marcada no consumo e na economía local.

 

Por que cre que é vital consumir produtos do mar?

Creo que é vital consumir produtos do mar por varias razóns: a primeira e mais importante é por unha cuestión de saúde. Está demostrado que as dietas que incorporan produtos do mar permiten unha vida mais longa e saudable.

Tamén por razóns culturais, xa que a nosa forma de comer non se entende sen produtos do mar.

E a terceira razón, por que ademais de que estes produtos sexan nosos e saudables …están boísimos, e son un pracer e un privilexio ao que temos sorte de ter acceso.