
O GALP Costa da Morte, dentro do proxecto Pesca Saúde, convida a Javier de Toro, xefe de servizo de reumatoloxía do CHUAC, a participar nunhas xornadas técnicas que se celebrarán o vindeiro luns 25 de maio ás 18:00 h na Casa da Cultura de Vimianzo. O doutor centrará a súa intervención en sinalar os beneficios do consumo de produto pesqueiro no noso benestar dende o punto de vista da súa especialidade médica. O evento ten carácter aberto ao público e non precisa inscrición previa.
Francisco Javier de Toro Santos é xefe do Servizo de Reumatoloxía do CHUAC e vicepresidente do Colexio de Médicos da provincia da Coruña. Licenciado e doutor en Medicina e Ciruxía pola Universidade de Santiago de
Compostela, actualmente é docente na Universidade da Coruña, onde imparte clases, entre outros, no Mestrado de Xerontoloxía Clínica da UDC.
Que son as Xornadas “Pesca Saúde”
Son xornadas técnicas centradas en diferentes temáticas nas que diferentes profesionais da saúde expoñen os beneficios do consumo de produto pesqueiro segundo a súa especialidade sanitaria.
A finalidade é divulgar, de maneira clara e rigorosa, os beneficios do consumo de peixe, marisco e outras especies mariñas de proximidade en diferentes ámbitos da saúde, desmontando mitos, achegando evidencias científicas actualizadas.
O proxecto Pesca Saúde nace nun contexto no que o consumo de peixe fresco descendeu progresivamente mentres aumentou a presenza de produtos ultraprocesados na alimentación habitual. Esta transformación dos patróns dietéticos está asociada a un incremento das enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias.
Por iso, promover o consumo regular de peixe das nosas costas non é só unha decisión dietética, senón tamén unha estratexia de saúde pública baseada na evidencia científica. A través destas actividades, búscase fomentar o consumo de produtos pesqueiros para mellorar a saúde e o benestar da cidadanía, promovendo hábitos de vida saudables.
Vales de desconto para mercar produto do mar
No proxecto Pesca Saúde, as peixerías terán tamén un papel protagonista. En eventos coma estas xornadas repártense vales de desconto de 5€ entre as persoas asistentes, aplicables directamente na compra de produto pesqueiro.
Ademais, ata o 30 de xuño, todas as persoas que reúnan tiques de compra nos establecementos adheridos por un valor total de 60€ ou máis (poden acumularse varios tiques), participarán no sorteo dunha degustación para dúas persoas nun local de hostalaría. O sorteo celebrarase durante os eventos de showcooking (cociña en vivo) que se celebrarán durante o mes de xullo en prazas de abastos dos diferentes GALP de Galicia. As peixerías participantes están identificados co distintivo oficial da campaña.
Próximas actividades: restauración e obradoiros
O seguinte obxectivo do proxecto será o sector da hostelaría, outro dos puntos onde se quere promover a escolla de produto do mar de proximidade. Con este sector traballarase no deseño de menús saudables adaptados a cada restaurante, baseándose sempre en produtos pesqueiros locais e de tempada.
E, tamén neste ano, celebraranse os obradoiros de ‘BatchCooking’. O BatchCooking é unha forma de organizar a cociña da semana: consistente en preparar nun mesmo momento varias elaboracións ou bases que despois se poden combinar e reutilizar en diferentes comidas.
Quen promove Pesca Saúde?
Pesca Saúde é unha inciativa financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 a través da Consellería do Mar, participan 7 GALP, que cobren unha parte importante do litoral galego: GALP Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña- Ortegal, baixo a coordinación do GALP Costa Sostible. O proxecto conta tamén coa colaboración da Consellería de Sanidade, unindo as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027.
Máis información en pescasaude.gal

