
Onte coñecimos por fin aos gañadores dos Premios Economía Azul deste ano. Na súa terceira edición, foi o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura o espazo que albergou a gala na que se entregaron os galardóns. Así, voltouse a recoñecer unha vez máis os mellores proxectos sustentables das zonas pesqueiras de Galicia levados a cabo baixo as axudas para iniciativas dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP).
As encargadas de conducir o evento como presentadoras foron as actrices Patricia Vázquez e Rocío González que se deixaron levar por un guión de Quico Cadaval.
Estiveron presentes a conselleira do Mar, Rosa Quintana; a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo; a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez; os representantes das confrarías de pescadores; as presidentas e presidentes dos Grupos de Acción Local Pesqueira de Galicia e os representantes dos proxectos finalistas que competían polos premios.
Desta vez o peche musical protagonizouno o dúo Caamaño&Ameixeiras que interpretou tres pezas tradicionais da música galega.
Os Premios da Economía Azul están promovidos pola Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e con estes galardóns preténdese visibilizar o traballo dos GALP nas zonas pesqueiras, e motivar a potenciais promotores para que presenten proxectos ao abeiro das EDLP dos GALP.
A terceira edición contou con catro categorías diferentes: Mellor proxecto de Apoio á Pesca Costeira Artesanal; Mellor proxecto de Creación de emprego; Mellor proxecto de Diversificación e Mellor Proxecto de Economía Circular. Os proxectos finalistas foron seleccionados por unha comisión da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro que escolleu 3 proxectos por cada categoría entre as propostas presentadas polos GALP. Os criterios desta selección están determinados polos beneficios que os proxectos son capaces de xerar para o sector pesqueiro; a súa contribución á creación de emprego nas zonas pesqueiras; o reforzo da identidade, a cultura e o patrimonio local da zona pesqueira; os elementos innovadores no contexto local; e a creación de oportunidades para mulleres e mozos/as no sector pesqueiro ou marítimo.
A escolla dos mellores proxectos levouse a cabo cunha votación pública a través da rede. Así, os gañadores foron escollidos polos internautas que votaron por eles na web galp.xunta.gal dende o 4 ao 25 de novembro.
Finalmente proclamáronse campións os seguintes proxectos:
Mellor proxecto de apoio á pesca costeira artesanal:
Confraría de Pescadores de Portonovo (GALP Ría de Pontevedra)
O proxecto persigue a mellora da comercialización dos produtos pesqueiros da lonxa de Portonovo e a mellora da oferta de turismo mariñeiro na lonxa ligado á sensibilización medioambiental a través dunha xestión adecuada dos medios. Para levar a cabo este proxecto precisamos contratar a unha persoa a tempo completo para que se encargue da xestión da lonxa no ámbito comercial e no ámbito turístico.
Mellor proxecto de creación de emprego:
Produción de algas comestibles das Rías Baixas galegas.
H.Q. Seaweed SL (GALP Ría de Vigo-A Guarda)
A meta que persegue este proxecto é darlles valor aos produtos do mar para a súa exportación, destacando a alga das nosas rías. O obxectivo é facer chegar as algas a calquera distribuidor. Ter un equipo humano de calidade, estable e de confianza. Xerar riqueza na zona. Dar un valor engadido a un produto de pouco valor. Xerar unha sustentabilidade do ecosistema mariño. Investigar e desenvolver sobre as TIC aplicadas ao sector. Conseguir a equiparidad e a conciliación persoal dos traballadores. Fomentar a formación dos empregados e a súa autonomía
Mellor proxecto de diversificación:
Creación da aula do mar A Mariña. Asociación de Saúde Mental A Mariña
GALP A Mariña – Ortegal
Trátase dun proxecto de integración social para as persoas con enfermidade mental crónica na cal se porá en valor o patrimonio costeiro, os recursos patrimoniais e ambientais da zoa A Mariña-Ortegal. Este proxecto se desenvolverá en la Unidade Residencial de Cervo (única residencia especializada en doenzas mentais na provincia de Lugo).
Mellor proxecto de economía circular:
Centro de transformación do lixo mariño. Asociación de mulleres do sector pesqueiro Seo de Fisterra e Ría de Muros-Noia (GALP Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible).
Consiste na articulación dunha rede de actividades ao redor dun espazo para levar a cabo actuacións de transformación do lixo xerado sobre todo na actividade pesqueira e procedente do entorno mariño.
O principal obxectivo do proxecto, diríxise a xerar vínculos e dinámicas que faciliten a aprendizaxe entre os diferentes axentes, profesionais e investigadores que desenvolven a súa actividade, centralmente, ao redor do medio mariño, establecendo novas sinerxías colaborativas, de intercambios de información e coñecementos para unha mellor xestión dos recursos e medios mariños.
Fíxose entrega dun premio especial ao proxecto plancton de Afundación obra social Abanca.
Ademais dos gañadores de cada unha das categorías, este ano incluise un recoñecemento a maiores que lle foi otorgado ao proxecto Plancton desenvolvido por Afundación Abanca.
Este proxecto permitiu retirar durante o ano 2021 case 19 toneladas de residuos dos areais e fondos mariños de distintas zonas costeiras da comunidade.
Con este recoñecemento preténdese destacar unha acción, que aínda sendo realizada á marxe dos GALP, ten unha importante relevancia para o conxunto do sector así como para a protección do medio ambiente.