Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

64 restaurantes do litoral galego ofrecen menús saudables con produto do mar dentro do proxecto ‘Pesca Saúde’ dos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro

Baixo o lema ‘Come o mar, come saúde’, os restaurantes participantes incluirán, dentro da súa carta habitual, suxestións e menús deseñados en colaboración con nutricionistas que teñen como protagonista o produto pesqueiro.

Os produtos do mar están cheos de sabor e tamén de propiedades nutricionais. Co obxectivo de divulgar os beneficios que o peixe, o marisco, os moluscos e as algas teñen no noso benestar, os Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) alíanse con establecementos de restauración para ofrecer os “Menús Pesca Saúde”. Unha oferta que demostra como se poden combinar a excelencia gastronómica, os hábitos saudables e o consumo de produto de proximidade.

Para iso, os establecementos participantes levan meses traballando en colaboración co equipo de nutricionistas de Pesca Saúde na elaboración de menús personalizados e integrados dentro da oferta habitual, así como destacando pratos xa presentes na carta dos restaurantes.

A lista completa pódese consultar na web do proxecto, pescasaude.gal, onde se poden descargar todos os menús, que ademais dos pratos inclúen información nutricional sobre os produtos presentes en cada proposta. Os menús ofertaranse entre o 22 de outubro e o 22 de novembro.

Que é Pesca Saúde?

Pesca Saúde nace como resposta ao descenso progresivo do consumo de peixe fresco e ao avance dos ultraprocesados na dieta, unha tendencia asociada ao aumento de enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias. O proxecto defende o consumo regular de produtos do mar non só como unha cuestión dietética, senón como unha estratexia de saúde pública apoiada na evidencia científica, dado o seu papel no benestar cardiovascular, cerebral, óseo, muscular, inmunitario e metabólico.

Con este obxectivo, ao longo de 2026 véñense realizando campañas en centros de saúde, xornadas divulgativas con expertos en medicina e nutrición e actividades en prazas e mercados, incluíndo sorteos e demostracións de cociña en vivo.

A iniciativa está financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través da Consellería do Mar, e nela participan sete GALP que cobren boa parte do litoral galego: Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa Sostible, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal. Conta ademais coa colaboración da Consellería de Sanidade, de xeito que o proxecto une as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) dos GALP coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027.


Máis información en

pescasaude.gal