Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Acto de presentación do programa Relevo2 Mocidade abordo

O día 8 de setembro ás 11:00 h no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, tivo lugar a presentación da segunda edición do programa Relevo, que busca achegar o sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola ao alumnado de 4º de E.S.O., a fin de que coñeza as saídas profesionais e todo o que este sector lle orfece na nosa comunidade. Ó acto de presentación con Dª. Susana Rodríguez Carballo Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, da Conselleria do Mar, Xunta de Galicia, acudiron tamén D. José Basilio Otero Rodríguez, presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores , e representantes e xerentes dos GALPs.

O programa prevé visitar entre 30 e 90 institutos de educación secundaria (IES) xa xeografía galega, nos que estima informar a entre 3.000 e 5.000 estudantes. Nesta fase de lanzamento da nova tempada, os GALP xa contactaron con 260 centros educativos situados en 58 concellos das súas areas de influencia, é dicir, desde A Guarda ata Ribadeo. Nas próximas semanas iranse concretando tanto os centros participantes como as datas nas que se celebrarán as xornadas de formación e divulgación, que se desenvolverán durante todo o curso académico 2021-22 e que está previsto que comecen a principios de outubro.

Durante a presentación destacouse que, se ben a finalidade principal é trasladar á mocidade o que debe de facer e estudar para entrar a formar parte do sector e constituír o verdadeiro relevo xeracional, tamén se sinalaron outros obxectivos complementarios. Entre eles, poñer en valor o sector pesqueiro entre a comunidade escolar en idade de traballar ou de escoller estudos superiores, valorizar o sector pesqueiro en termos económicos e ofrecer unha formación máis cuantitativa, que incida nas oportunidades laborais.

Os centros interesados en participar poderán inscribirse a través do formulario dispoñible na web de Relevo 2, a través do enderezo electrónico info@relevo2.org ou contactando coas oficinas dos GALP impulsores.