Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

"Cando consumimos produtos do mar axudamos a preservar a nosa saúde individual e a do planeta" #QuedaCoNosoMar #QuedaConNuestroMar

 

Lucas Requejo, Delegado en Galicia da Fundación Ecotur e experto en ecogastronomía

 

A situación provocada pola Covid-19 afecta a todos os sectores da economía, entre eles o do mar. Entre as achegas que fai este sector á economía e á sociedade, cales destacarías como máis importantes?

A máis importante sempre é a cobertura das necesidades vitais e, nese campo, o mar leva milleiros de anos sendo fonte de alimento para todos e todas nós. Conservar esta relación co mar en termos de sustentabilidade é un deber para nós e para as xeracións futuras.

E, pese a que a suma dos mares e océanos do planeta supón o 70% da superficie total, somos aínda grandes descoñecedores deste medio. Así que, agora máis que nunca, cómpre mirar ao mar con curiosidade e cunha óptica que nos permita ver a diversidade de empregos que pode xerar. A recuperación de medios naturais degradados, a conservación, a obtención de recursos enerxéticos, a xestión de residuos, a educación vinculada ao mar e un longo etcétera son oportunidades latentes nas que avanzar. Máis insisto en que non só se trata de crear novas rutas, senón tamén conservar todas aquelas relacións co medio mariño que durante séculos viñemos forxando sen degradación.

 

O mar tamén é vital para o turismo, tanto na área da Mariña e Ortegal como no resto de Galicia. Hai algún consello que che gustaría trasladar, neste contexto actual, aos negocios turísticos vencellados co mar? Ou ben para afrontar a situación na era post-Covid19?

Nin a Mariña-Ortegal nin Galicia en xeral se poden entender sen a súa relación co mar. Na Galicia interior sería complicado non falar do polbo ou do bacallau, por exemplo. E, por suposto, o turismo en Galicia tamén está amplamente condicionado pola nosa relación co mar.

 

Dito isto, gustaríame apuntar o acertado enfoque  que se está tomando en foros sobre o futuro do turismo, de diferenciar dúas etapas claras, unha primeira etapa de pre-vacina e outra de post-vacina.

Na primeira etapa hai dúas liñas de traballo claves. A primeira, a urxente, a de ofrecer seguridade sanitaria nos destinos. E, a segunda, a de estratexia para ir definindo e redefinindo como queremos que sexa o turismo sobre o que traballar para a posta en marcha na segunda etapa. Nesta definición a participación cidadá é clave.

E, lonxe de dar consellos de accións concretas, quero apelar á actitude para afrontar a situación. Non nos ensinaron a manexar a incerteza. E, ante isto, só nos queda aprender a aprender, actitude de aprendizaxe e adaptación son claves para falar de destinos resistentes (capaces de adaptarse ás adversidades). E, por outra banda, mudar a visión. Ata o momento xestionabamos e creabamos oferta segundo unha demanda existente. Agora temos que mudar a nosa ollada. Falar de aplicar unha visión global, isto é, primeiro atender ao local para conectar coa rede global.

 

Por qué é tan importante consumir produtos do mar, non só agora en plena pandemia, senón en xeral no noso día a día?

Máis alá de destacar os beneficios saudables evidentes que ten o consumo de alimentos procedentes do mar, gustaríame resaltar o poder transformador que temos como consumidores. Cada vez que mercamos e consumimos produtos do mar, estamos axudando a vivir a moitas familias. Así que podemos resumir que cando consumimos produtos do mar, axudámonos a nós mesmos, preservando a nosa saúde individual. Se mercamos produtos que preserven o medio natural, entón axudamos á saúde do planeta Auga. E na suma estamos velando por conservar a saúde económica e patrimonial.

 

Hai algunha característica especial que teña a gastronomía mariñeira galega respecto a de outros lugares?

Se o litoral español son preto de 6.000 km, Galicia é un chisco máis dunha cuarta parte, pois temos 1.562 km de costa. E non só se trata dun tema de cantidade, senón tamén de calidade. E a calidade en Galicia é diversidade. Temos unha morea, non só de alimentos do mar de moi boa calidade e recoñecemento, senón tamén acumulamos unha ampla diversidade de tradicións, costumes e, por suposto, receitas. Receitas que nos contan como os galegos fomos creando con todo o que a nosa contorna próxima nos prové, un coñecemento que transcende xeracións. Algo, sen dúbida, que debiamos de estar protexendo e fomentando como patrimonio inmaterial de valor mundial.

 

Dende a Fundación Ecotur estades preparando unha campaña para vincular a ecogastronomía ao sector do mar. En que consistirá?

Aínda estamos traballando na definición da estratexia, co que non podo adiantar o contido. Máis o que sí podo comentar é que seguirá a mesma liña de traballo da Fundación, sempre en pro do turismo sostible, nos tres ámbitos de actuación, no social, ambiental e económico.  E tamén sempre con esa ollada ao pasado para recuperar e poñer en valor, e ollada ao futuro transmitindo os valores da sostibilidade. E o mellor xeito de compartir este facer é a través da vivencia de experiencias, así que o deseño delas será clave na nova proposta.

 

Algunha outra achega ou consideración que che gustaría facer?

Unha última e breve. Aprendamos a ollar o mar como unha oportunidade de crear a vida sostible. Educación sobre o mar e as súas oportunidades é o comezo de todo porvir. Contaxiemos dende a educación o respecto e admiración polo Planeta Auga en favor da saúde global.