
O xoves 6 de xullo celébranse os primeiros encontros do GALP Costa da Morte, abertos á implicación de axentes locais e persoas que a título individual queiran guiar este proxecto
Candieira, a Rede de apoio á muller da costa galega, bota a andar cos primeiros encontros locais
Candieira, a Rede de apoio e promoción das mulleres do mar en Galicia, prepárase para dar o seu pistoletazo de saída. Este proxecto de cooperación promovido polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, Golfo Ártabro Norte, Costa da Morte, Seo de Fisterra-Ría Muros-Noia Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda, nace para alentar e acompañar o emprendemento das mulleres nas zonas costeiras dos territorios dos GALP participantes.
Para a área do GALP Costa da Morte, que comprende os concellos A Laracha, Carballo, Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Vimianzo, Camariñas e Muxía, está convocado un primeiro encontro institucional o XOVES 6 DE XULLO ás 12:00 na sede do Grupo (Lugar A Camposa, s/n, Buño, Malpica de Bergantiños).
Pola tarde será o turno dos ENCONTROS SOCIAIS, o primeiro na Casa da Cultura de Vimianzo (R/ Braña B), ás 16:30, e o segundo outravolta na sede do GALP, en Buño, ás 19:30. A eles están convidadas confrarías, entidades sociais e empresariais, asociacións culturais, ambientais e persoas a título individual que queiran implicarse no proxecto.
Por outra banda, xa está activa a web candieira.net, onde se irá pendurando toda a información relativa ao proceso ao longo dos próximos meses, ao tempo que funcionará como repositorio de documentación e de ideas e como canle de comunicación principal de Candieira.
Un grupo motor en cada zona
Durante a primeira quincena de xullo seguirán a celebrarse encontros en varias localidades para dar a coñecer o proxecto ás entidades e axentes locais, cuxa participación é fundamental para desenvolver Candieira. As xuntanzas están abertas á participación de toda a sociedade, especialmente a daquelas persoas que traballen na promoción da igualdade, que pertenzan ao sector pesqueiro, patrimonial, cultural e ambiental ou que estean vinculadas ao ámbito do emprendemento e a innovación. O obxectivo último é a constitución dun grupo motor en cada territorio, que se encargará de dinamizar e guiar o proceso entre este ano e o que vén, e á súa vez favorecer a incorporación de novos axentes.
Entre setembro deste ano e abril de 2018 programaranse “laboratorios” ou obradoiros prácticos de impulso ás iniciativas que nazan e medren ao abeiro do Candieira. Estes espazos de creación alentarán a posta en marcha de proxectos baixo unha perspectiva Maker (aprender a través da experiencia). A inscrición, de balde, dirixirase a mulleres emprendedoras dispostas a mergullarse na xeración de experiencias innovadoras e intercambiar saberes e coñecementos, ao tempo que se vai tecendo unha rede de traballo colaborativa entre elas.
A previsión é que en maio de 2018 esta rede de apoio e de traballo compartido das mulleres da costa galega estea consolidada e que se manteña ao longo do tempo.
Presentación oficial
O pasado 6 de xuño tiña lugar a presentación oficial do proxecto, que contou coa presenza e apoio da conselleira do Mar, Rosa Quintana, en Marín.
Este exercicio de cooperación laboral entre os 56 municipios costeiros que conforman os seis GALP participantes, e que van desde A Guarda ata Narón, conta cunha axuda da Consellería do Mar, no marco da convocatoria deste ano, destinada a proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos GALP.

