Viernes, 16 de Octubre de 2026 - 10:10

Máis dun cento de participantes de dez países reúnense no Congreso Internacional de Pesca & Turismo, que aborda a regulación destas actividades e o papel dos GALP no desenvolvemento da economía azul.
Sanxenxo, 15 de outubro de 2026. O pescaturismo busca abrirse camiño, gañar oportunidades e responder aos retos dun sector en transformación. Con ese obxectivo, Sanxenxo reúne hoxe e mañá máis dun cento de participantes no Congreso Internacional de Pesca & Turismo, un encontro que conecta profesionais dos sectores pesqueiro e turístico, representantes dos GALP e entidades europeas para compartir experiencias e debater sobre o futuro destas actividades.
O encontro conta con participantes de dez países: España, Hungría, Portugal, Croacia, Grecia, Finlandia, Irlanda, Polonia, Estonia e Chipre. A regulación do pescaturismo e a continuidade dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) no próximo marco financeiro foron dúas das cuestións destacadas durante a inauguración.
A presidenta do GALP Ría de Pontevedra, María del Carmen Vázquez Nores, abriu o acto agradecendo a acollida da iniciativa e a resposta dos participantes, chegados de distintos puntos de España e Europa. Esta diversidade de procedencias converte o congreso nunha oportunidade para compartir experiencias e buscar respostas comúns aos desafíos das comunidades pesqueiras.
A necesidade de adaptar a normativa ás demandas do sector estivo presente na intervención de Manuel Pablos López, da Subdirección General de Sostenibilidad Económica y Asuntos Sociales do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. Pablos destacou o papel dos GALP no impulso da economía azul e defendeu a súa continuidade no próximo marco financeiro. Ademais, abriu a porta a estudar unha posible revisión da regulación do pescaturismo para responder ás necesidades expostas polos profesionais.
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, puxo o foco noutro dos motores destas actividades: o crecente interese dos visitantes por coñecer os destinos máis alá dos seus atractivos habituais. O pescaturismo e o turismo mariñeiro permiten, neste sentido, achegarse á tradición pesqueira, aos seus oficios e á identidade da costa galega.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña, pechou as intervencións inaugurais reivindicando a conexión entre os GALP e o sector pesqueiro como unha vía para promover proxectos innovadores. Tamén destacou a contribución destes grupos á economía azul e á creación de oportunidades nos territorios costeiros.
O congreso continuará esta tarde con cuestións clave para o desenvolvemento destas actividades: o marco normativo que regula o pescaturismo e o turismo mariñeiro, as experiencias europeas que xa están en marcha e o papel das confrarías de pescadores e das organizacións profesionais na súa posta en funcionamento. A xornada abordará tamén como mellorar a promoción destas iniciativas e reforzar a cooperación entre territorios. Mañá, o congreso dará paso a unha mostra de proxectos de diferentes lugares e a visitas a experiencias de pescaturismo e turismo mariñeiro, que permitirán coñecer de primeira man distintas formas de conectar a actividade pesqueira co turismo.
O encontro enmárcase en Mar e Rías, o proxecto de cooperación no que traballan conxuntamente os oito GALP de Galicia para impulsar o pescaturismo e o turismo mariñeiro. A través desta colaboración, os grupos buscan compartir coñecementos, favorecer o intercambio entre profesionais e territorios e abrir novas vías de desenvolvemento para as comunidades costeiras. O congreso internacional ofrece un espazo para poñer en común experiencias, identificar retos compartidos e seguir avanzando nunhas actividades que permiten achegar a realidade do sector pesqueiro aos visitantes e explorar novas oportunidades económicas vinculadas ao mar.

