Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Reunión de coordinación do proxecto "Bitácoras do Mar"

REUNIÓN DE COORDINACIÓN DO PROXECTO «BITÁCORAS DO MAR» PARA A POSTA EN VALOR DO IMPACTO DO PROGRAMA 2016-2020 DO FONDO EUROPEO MARÍTIMO E DE PESCA NA COSTA GALEGA

Coordinado polo GALP Golfo Ártabro Norte, este proxecto de cooperación busca visibilizar o papel dos grupos de acción local do sector pesqueiro nas zonas costeiras

Participan os territorios do Golfo Ártabro Norte e Golfo Ártabro Sur, Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Pontevedra

                                                                                                           
A pasada semana tivo lugar unha xuntanza de coordinación das xerencias dos GALP promotores do Proxecto Bitácoras, unha iniciativa de cooperación na que buscan poñer en valor o labor dos grupos na dinamización do programa e dar visibilidade á repercusión do seu papel nas zonas costeiras galegas.
 
Bitácoras quere incidir no que supuxo o programa no impulso de iniciativas ligadas ao crecemento azul, ao desenvolvemento sustentable e no reforzo da cohesión social nas zonas costeiras. Busca fomentar sinerxías entre iniciativas promovidas nos diferentes territorios, a través do traballo conxunto dos grupos e axentes locais, reforzando o papel do sector pesqueiro no liderado de proxectos.
 
 
Ao longo da sesión abordáronse materias relacionadas coa valorización e seguimento da execución do programa, pondo en común e repensando conxuntamente as estratexias propostas para a optimización do fondo de cara ao seguinte programa.
 
Na xuntanza debatironse conxuntamente todos estes puntos entre as xerencias dos cinco grupos que promoven o Proxecto Bitácoras, definindo entre todas unha proposta de horizonte estratéxico  que entendemos que pode valer para facer máis accesible o programa para as e os axentes do territorio e o sector pesqueiro.
 
As xerencias dos GALP Golfo Ártabro Norte, Golfo Ártabro Sur, Costa Sostible, Ría de Arousa e Ría de Pontevedra concordaron na importancia de orientar as súas estratexias nos obxectivos da economía azul, dirixindo o programa cara a consecución do Pacto Verde.  Ao longo dos vindeiros meses terán lugar distintas actividades de posta en valor dos grupos no marco deste proxecto, como parladoiros nas distintas zonas costeiras ou a creación dun catálogo e unha Mostra Itinerante de Boas Prácticas nas Bitácoras.