Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

“O mexillón é vital para o noso negocio e o de outras empresas, pero tamén para a alimentación da cidadanía, polo seu beneficioso valor nutricional”

Mónica Izquierdo, directora comercial de Grupo Linamar

Mónica Izquierdo, directora comercial de Grupo Linamar.

 

En que consiste a actividade da vosa empresa?

Nós somos depuradores e comercializadores de molusco bivalvo, principalmente mexillón, tanto en formato tradicional, como os sacos e os cestos, como en atmósfera protectora, que é unha técnica que garante a vida útil do mexillón na neveira ata uns dez días, máis do triple do habitual. E outra das liñas que traballamos é a do mexillón elaborado en distintos formatos: cocido, cocido no seu mollo, en salsa de tomate ou con outro tipo de salsas.

Como afrontades a situación actual?

O estado de alarma coincidiu coa época de desova do mexillón, que abrangue os meses de marzo a xuño. Por tanto, este xa soe ser un momento de menor dinamismo na venda deste bivalvo, polo que o impacto foi menor. Agora ben, o aspecto que máis notamos é o peche da hostalaría que, xunto á liña de retail ou distribución, é outro dos grandes destinos de venda dos nosos produtos. A parte de retail está funcionando bastante ben, porque a xente consome máis ao estar en casa. Neste sentido si que notamos un repunte respecto ao ano pasado no consumo doméstico. Porén, no eido da hostalaría, tanto os restaurantes como distribuidores están pechados e aí si que o notamos moitísimo. Se falo a nivel global de toda a empresa, nestes meses estamos nun 50% da actividade habitual.

E como vedes os próximos meses?

É difícil estimalo, xa que á incertidume do contexto actual súmase a propia dinámica do sector. O noso negocio, ao comercializar un produto vivo que está no mar e que depende tanto das condicións climáticas e doutros factores, fai complicado elaborar pronósticos. Cada ano é distinto. Pero sobre o que si temos certeza é que a partir de xuño, cando remata a desova, o mexillón xa comezará a recuperar e debería haber un consumo bastante alto deste molusco. E para ese momento espérase unha paulatina reactivación da hostalaría.

Galicia é a segunda produtora mundial de mexillón e a súa explotación e comercialización xera moita riqueza e emprego, tamén na ría da Arousa.

Si, é vital para Galicia e para a Arousa, onde hai a maior concentración de bateas da comunidade. E a nosa empresa traballa con numerosos provedores e empresas locais que viven do mexillón. Ademais, están as súas achegas alimenticias, pois o mexillón contén moito Omega 3 e alimenta tanto como un bisté. O seu valor nutricional está composto por un alto contido de proteínas e por grasas boas, necesarias para o noso organismo.

O que si está claro é que se o mexillón xa está rico agora, aínda o estará máis a partir de xuño, cando remate a desova.

Por suposto, pero a súa evolución tamén dependerá de como recupere a economía e que abra a restauración.