
Despois do éxito de convocatoria en Sanxenxo, o GALP Ría de Pontevedra celebrará un segundo ‘Batchcooking’ de Pesca Saúde en Marín. A actividade consiste nun curso práctico de cociña na que participan profesionais da cociña e nutricionistas. O obxectivo é aprender a organizar sesións de cociñado para preparar menús semanais saudables incorporando produto pesqueiro. O curso desenvolverase nunha sesión de catro horas, o vindeiro martes 3 de novembro, en horario de 17:00 a 21:00 h. Terá lugar no Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria (Parque Azul de Cantodarea, Marín). O curso é gratuíto e cómpre inscribirse na web do proxecto (pescasaude.gal) ou no teléfono 627 570 949.
A profesional convidada será Nieves L. Martín, da Escola de cociña Cousiñas,
que estará acompañada por unha nutricionista de Arela Saúde. Con elas,
as persoas asistentes coñecerán trucos e técnicas de cociñado e aproveitamento
de produto pesqueiro para poder elaborar receitas de forma sinxela para incorporalas nos seus menús semanais.
Ademais, o curso contará coa participación de representantes do sector pesqueiro, que explicarán ás persoas participantes a importancia do consumo de produto local, os seus métodos de extracción e as especies mariñas que ofrece a nosa contorna.
Programa do curso
O curso porá o foco especialmente no uso de produto pesqueiro de proximidade en menús semanais saudables e nutricionalmente axeitados a cada persoa, creados a partir dunhas poucas receitas que se poden ir combinando en diversos pratos. Para iso, atenderase aos métodos máis eficientes para o cociñado de produtos do mar sen perder o seu sabor e as súas propiedades. Tamén se ensinará que especies son máis axeitadas para a súa conservación na neveira ou no conxelador.
As persoas participantes recibirán un receitario, unha guía de consellos e información nutricional, un mandil e unha bolsa exclusiva feita con redes de pesca reutilizadas e plásticos reciclados elaborada pola Asociación de redeiras de Cariño en colaboración coa Aula Sostible do Freixo (Outes).
Que é Pesca Saúde?
Pesca Saúde nace como resposta ao descenso progresivo do consumo de peixe fresco e ao avance dos ultraprocesados na dieta, unha tendencia asociada ao aumento de enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias. O proxecto defende o consumo regular de produtos do mar non só como unha cuestión dietética, senón como unha estratexia de saúde pública apoiada na evidencia científica, dado o seu papel no benestar cardiovascular, cerebral, óseo, muscular, inmunitario e metabólico.
Con este obxectivo, ao longo de 2026 véñense realizando campañas en centros de saúde, xornadas divulgativas con expertos en medicina e nutrición e actividades en prazas e mercados, incluíndo sorteos e demostracións de cociña en vivo.
A iniciativa está financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través da Consellería do Mar, e nela participan sete GALP que cobren boa parte do litoral galego: Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Costa Sostible, Costa da Morte, Golfo Ártabro Sur e A Mariña-Ortegal. Conta ademais coa colaboración da Consellería de Sanidade, de xeito que o proxecto une as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) dos GALP coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027.

