Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Avaliación Intermedia da EDLP do GALP COSTA DA MORTE

 

Buño, Malpica de Bergantiños, 10 de abril de 2026

Despois de xestionar varias convocatorias do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura, chega o momento de facer a avaliación intermedia da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Costa da Morte.

O principal obxectivo deste traballo é o de ver o impacto e resultados que tivo a aplicación da citada estratexia no territorio. Facendo eco do enfoque participativo deste programa, dende o GALP considérase que é moi importante contar opinión de todas as persoas e entidades do territorio, que dalgún xeito poden contribuír ao desenvolvemento desta zona costeira.

Por este motivo, o GALP Costa da Morte inicia un proceso de participación aberto, que pretende ter en conta as achegas e valoracións do conxunto de axentes do territorio, a través da realización dunha serie de enquisas e  de reunións para presentar os resultados obtidos ate o momento, poder emitir unha valoración e propoñer melloras na estratexia ou a xestión do programa.

As reunións inmediatas que se van a celebrar son:

Mesas Sectoriais de Análise e Proposta

Estas reunións diríxense a todas as persoas, institucións e entidades do territorio, e realizaranse o xoves 16 de abril no Centro de Artesanía e Tradición de Buño - CAT (A Camposa s/n, Buño, 15111 Malpica de Bergantiños):

  • 10:00 horas. Mesa institucional. Esta mesa é aberta a todos os representantes institucionais, axentes de emprego e desenvolvemento local e persoal dos concellos que forman parte do GALP, co fin de poder poñer en valor e avaliar as iniciativas desenvoltas a nivel municipal, vendo o seu impacto no territorio.
  • 18:00 horas. Mesa dos sectores pesqueiro, económico e social. Dirixida principalmente a todas as entidades socias do GALP, tamén é aberta a todas as entidades e persoas dos diferentes ámbitos.

Espazo Proxectos

Esta reunión diríxese a todas as persoas solicitantes ou promotoras de proxectos do programa de axudas, e terá lugar o martes 21 de abril en quenda de mañá e de tarde:

  • 10:00 horas. Realizarase no espazo Agocho do Bico (Praza Colón, 5, 15123 Camariñas).
  • 18:00 horas. Realizarase no espazo La Ratona (Porto de Barizo 17, 15113 Malpica de Bergantiños).

Dende o GALP insístese en que a participación é moi importante, de cara a poder axudar ao GALP a optimizar a xestión do programa, facendo que este se adapte as necesidades do territorio e mellore as condicións socioeconómicas da Costa da Morte.

Situación do Programa de Axudas

O GALP Costa da Morte dispón de sete millóns de euros en axudas para a aplicación da estratexia do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da acuicultura, nesta zona costeira, no período 2023-2029, dos cales mais de cinco millóns seiscentos mil euros van destinados a axudas de promotores. A 31 de decembro de 2025, xa foron aprobadas axudas por importe superior aos 4 millóns de euros, ao redor do 58% do total, dos cales máis 2,7 millóns corresponden a proxectos xa executados e o resto a iniciativas que están actualmente en fase de execución.

En canto ao investimento total aprobado (axuda + investimento privado), foi superior aos 8,2 millóns de euros, dos cales algo máis de 5 millóns corresponden a iniciativas xa executadas a 31-12-2025. En canto a tipoloxía, 5,2 millóns de investimento (axuda + investimento privado) corresponde a iniciativas empresariais, algo máis de 1,6 millóns, corresponden a proxectos de confrarías, entidades públicas locais e entidades sen ánimo de lucro. O importe restante, corresponde aos custes aprobados de xestión do programa e iniciativas de sensibilización e animación do GALP Costa da Morte, dos cales se levan executados ata o momento 0,5 millóns.

Gracias a estes fondos europeos, no programa de axudas, lévanse creadas 11 empresas e  19 empregos directos, a xornada completa, nos proxectos subvencionados xa en funcionamento.

Dende o GALP Costa da Morte, queremos animar a todo o tecido socio-económico do territorio a participar nas xornadas de avaliación, estando nun momento importante para analizar a realidade da nosa zona costeira e intentar conseguir a mellor execución posible, con  preto de 2,5 millóns de euros, dispoñibles para os vindeiros anos, en axudas para iniciativas empresariais, de confrarías de pescadores, entidades públicas ou entidades sen ánimo de lucro, a proxectos relacionados co mar. Esta análise axudará a decidir se o programa vai na boa dirección ou é necesario realizar axustes para unha mellor adapatación ás necesidades da zona.

 

Para ampliar información.

Guillermo  González Diez, Equipo Técnico Galp Costa da Morte

Lugar A Camposa, s/n, Buño 15111 Malpica de Bergantiños

34 981 707 378 galp.mar.costadamorte@xunta.gal