Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A Rede Candieira organiza un taller de ideas na Arousa

Candieira* nace para favorecer o emprendemento e o asociacionismo das mulleres do mar.  Seguindo ese obxectivo, imos dar agora un paso adiante cunha sesión de traballo encamiñada a xerar ideas innovadoras. Trátase de propiciar, entre todas, que xurdan ideas e iniciativas, tanto económicas como asociativas. Vai ser un momento importante do proxecto, xa que algunhas destas ideas contarán despois co apoio de persoas expertas para poñelas en marcha.

Nesta sesión reunirémonos entre 40 e 50 persoas de diferentes ámbitos  para facer que prenda a candea da creatividade e da innovación. Presentaranse algunhas iniciativas  xa levadas adiante, que poden ser inspiradoras, pero sobre todo faranse dinámicas de creatividade grupal,  que servirán para coñecerse, intercambiar experiencias e idear novas iniciativas.

Cremos que a túa presenza será moi enriquecedora, polo que te convidamos a asistir o martes 19 de setembro na Centro de desenvolvemento local de Vilanova  (Pazo Vista Real. Lugar de Boutrín, s/n, Vilanova de Arousa), desde as 16 ata as 20 horas.  Precisamos que nos confirmes se podes vir ou, de ser o caso, nos indiques se o fará outra persoa no teu lugar.

Se queres convidar a alguén a participar, podes indicarlle que cubra o seguinte formulario (http://candieira.net/encontros/taller-arousa/asistir). As prazas son limitadas e non podemos garantir a inscrición de todo o mundo, pero porémonos en contacto con ela para confirmarlle se pode asistir.

Agardamos verte o 19 de setembro!

Contamos contigo para prender a luz na rede de Candieira.

 

* Candieira é un proxecto de cooperación entre os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte, Costa da Morte, Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia Costa Sostible, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Ría de Vigo A Guarda. Promóvese a través da Orde do 3 de agosto da Consellería do Mar, de proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais dos GALP, para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020 (DOG no166 do 2 de setembro de 2016).