Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Mulleres da Arousa fronte ao Covid-19: un traballo continuo para achegar produtos do mar aos fogares

 

Na ría de Arousa traballan miles de mulleres no sector do mar (unhas 5.572 rexistradas no CNAE e 2.024 no Réxime do Mar), concentrando o 40% do total de Galicia. É un zona produtora de peixe e marisco moi importante para Galicia e para España, de aí que a continuidade da súa actividade a pesar da pandemia do Covid-19 sexa crucial. Se xa de por sí o labor diario destas mulleres é clave, aínda o é máis na actual situación.

Desde o GALP Ría de Arousa achegamos datos e testemuñas de diferentes mulleres e entidades que seguen a traballar para achegar o produto máis fresco ás pescaderías e supermercados, arriscando a súa propia saúde e compatibilizando este esforzo cos coidados de familiares. É, por exemplo, o caso de Marta Bugallo, propietaria dunha pescadería en Vilagarcía de Arousa que, tras tomar as precaucións indicadas polas autoridades sanitarias, mantén as portas abertas en horario reducido. Marta e a súa parella manteñen unha actividade na que non falta a visita á Lonxa de Ribeira (onde mercan o produto), á depuradora e as entregas a domicilio, que nestes días concentran o 60% da vendas totais porque baixaron os ingresos procedentes doutros clientes, como o sector da hostalaría, que ten que permanecer pechado.

Gran actividade na conserva

No ámbito da conserva, aínda que hai contrastes entre empresas, a carga de traballo é importante, sobre todo pola elevada demanda deste tipo de produto entre a poboación que ten que permanecer illada nas súas casas. Hai empresas que están facendo quendas dobres para satisfacer a demanda e tamén para cumprir cos protocolos que esixen as autoridades sanitarias de distanciamento entre persoas traballadoras. Só na Arousa a conserva dá traballo a unhas 2.700 mulleres, segundo o CNAE, o que representa o 55,2% do total de mulleres empregadas neste sector en Galicia.

O mexillón é outro dos produtos que teñen unha gran relevancia na Arousa, xa que concentra en torno ao 70% das bateas e da produción deste molusco na nosa comunidade. Dolores Gómez, que traballa nas bateas familiares e tamén é a presidenta da Asociación de Produtores Mexilloeiros de Rianxo (Aspromeri), segue indo ao mar como de costume, se ben os pedidos baixaron, pero non pola pandemia, senón porque esta é unha época de desove.

Mariscadoras e turismo mariñeiro

Pola súa parte, as mariscadoras a pé, das que só na ría de Arousa hai máis de 1.300 (a metade de Galicia), están optando por quedar na casa a pesar de ter permiso para manter a súa actividade. Así o confirman desde a Asociación Mulleres do Mar da Arousa e a Confraría de Vilanova de Arousa, que explican que a demanda descendeu de forma considerable debido á situación provocada polo Covid-19. Desde o GALP manifestamos a nosa solidariedade con todas elas nestes momentos de dificultade.

Na Arousa, ademais das actividades baseadas na explotación dos recursos mariñeiros, hai outros sectores relacionados co mar que teñen unha grande importancia e que están mantendo actividade pese ao coronavirus. É o caso de empresas de turismo mariñeiro e náutico, como a que dirixe e xestiona Marta Iglesias na Illa de Arousa. Aínda que non pode celebrar talleres presenciais cos centros do ensino nin actividades de inmersión con turistas, ela e o seu equipo están aproveitando as restriccións para optimizar a súa estratexia dixital e mellorar os seus servizos para cando se reanude a actividade presencial.

Unha vez máis, desde o GALP reiteramos o noso agradecemento polo seu labor e tenacidade neste contexto de estado de alarma. E estamos á súa disposición para atender as súas necesidades.

Ademais, para poñer en valor o seu traballo, lembramos que na nosa web se pode consultar o estudo Aproximación á situación profesional das mulleres do mar da Ría de Arousa, enmarcado na campaña Mulleres da Arousa. O sal do mar, no que se inclúen datos sobre a súa contribución ao sector.


O 60% da venda é a domicilio polo Covid-19”

Marta Bugallo, propietaria de pescadería en Vilagarcía

Traballa na súa propia pescadería, Mar de Arousa, en Vilagarcía de Arousa desde hai nove anos, despois de exercer como pescadeira en supermercados e hipermercados durante máis dunha década. Recoñece que a situación provocada polo coronavirus Covid-19 alterou a súa actividade. Abre menos días e menos horas e ten que realizar, xunto coa súa parella, máis servizos a domicilio para adaptarse ás necesidades da xente que está confinada na casa. “O 60% da venda é a domicilio”, asegura. Unha parte dos seus ingresos, a que procede da hostalaría, reduciuse debido ao peche de hoteis e restaurantes.

Pero a Marta non se imaxina traballando noutra profesión. Ama ser pescadeira, que considera que debe ser vocacional para desenvolvela satisfactoriamente e manter un bo trato coa clientela. O que máis valora do seu traballo é precisamente o que máis bota en falta: a formación.

Cre que hai moi pouca formación para lograr xente profesional dedicada á pescadería, que considera que debe obter o mesmo recoñecemento que outras actividades, como a carnicería ou a panadaría. “É unha profesión de moito valor engadido”, destaca. O seu compromiso vai máis alá do seu traballo diario. Forma parte da Asociación de Mulleres do Mar de Arousa, desde a que considera vital amosar que o mar é un mundo de mulleres, con perfís moi variados.


Os necesarios protocolos sanitarios polo coronavirus dificultan o noso labor”

Dolores Gómez, bateeira e presidenta de Aspromeri

Dolores é bateeira desde hai 27 anos, cando ela e a súa irmá comezaron a traballar nas bateas da familia. Neste tempo a súa profesión mudou moito debido á mecanización e agora o seu traballo é moito máis eficiente. Nestes momentos de incertidume ante o Covid-19, asegura que segue indo ao mar como de costume, xa que a Consellería do Mar mantén a actividade para o seu sector. Recoñece que os pedidos baixaron, aínda que non pola pandemia, senón porque esta é unha época de desove. Porén, cre que os protocolos sanitarios “dificultan que as persoas bateeiras e doutras actividades do mar poidamos realizar o noso labor mantendo a distancia de seguridade que é necesaria neste contexto”.

O que máis valora do seu día a día é a liberdade de traballar nunha contorna natural e nun espazo aberto, que compensa as inclemencias do tempo. Está convencida de que recomendaría ser bateeira ás novas xeracións, porque, ademais da liberdade, permite, na súa opinión, unha maior flexibilidade que moitas actividades terrestres. A batea ten unha gran relevancia económica na ría de Arousa e, desde entidades como Aspromeri, da que é presidenta, non só intenta poñer en valor esa riqueza, senón tamén o labor da mulleres, que cre que deben aproveitar todas as oportunidades para ocupar maiores postos de reponsabilidade.


Aproveitamos a situación para optimizar a nosa estratexia dixital”

Marta Iglesias, empresaria, propietaria de Piragüilla Ocio y Aventura

Hai anos que Marta cambiou as artes do marisqueo polas de empresaria no eido do turismo mariñeiro e náutico. O panorama ocasioado polo coronavirus Covid-19 fixo que tivera que cancelar os talleres presenciais que desenvolve con centros do ensino, así como as actividades de inmersión con turistas. Pero ela e o seu equipo non paran. “Estamos aproveitando as restriccións para optimizar a nosa estratexia dixital e mellorar os seus servizos para cando se reanude a actividade presencial”, explica.

Ese espírito incombustible é unha das súas sinais de identidade e non hai máis que coñecer a súa historia para comprendelo. A través dun amigo coñeceu o mundo do piragüismo que, durante un tempo compaxinou co marisqueo. A crecente demanda deste e outros servizos relacionados co turismo naútico e mariñeiro levaron a Marta e á súa parella a decidirse a dar o salto. Nacía así, hai 13 anos, Piragüilla Ocio y Aventura. Este cambio non só obedeceu a aspectos puramente económicos, senón tamén profesionais e persoais. Marta cre que desde Piragüilla pode achegar unha maior creatividade e valor engadido. “Podo dicir que traballo no sector da felicidade. Pasei de non saber encender o ordenador a aprender moitas cousas gratificantes, desde o videomarketing ata a xestión de redes sociais”, explica. Pero non esquece o seu pasado como mariscadora. Desde a súa empresa desenvolven talleres de marisqueo para centos de nenos da contorna, en colaboración coa Confraría da Illa, entre outras actividades. No seu ADN está sempre colaborar e visibilizar ás mulleres do mar.