Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

“Tanto en Galicia como na Arousa temos unha riqueza única e, para saír adiante, debemos revalorizar aínda máis o noso”

Luis Ángel Gómez, xerente de Corticata

Luis Ángel Gómez, xerente de Corticata.

 

A situación provocada pola pandemia do Covid-19 afecta a moitos sectores da economía, entre eles o do mar. Que pode facer a cidadanía para botarlle unha man?

Tal e como están as cousas, temos que impulsar o produto autóctono. A cidadanía ten que consumir e aproveitar os nosos recursos marítimos e pesqueiros para que tanto o sector do mar como outros que dependen del poidan saír adiante. Temos que revalorizar o noso, desde o mar ou a hostalaría ata o téxtil, entre outras moitas actividades.

A vosa actividade está moi relacionada co mar, polo que tamén vos afecta directamente.

Temos unha empresa diversificada, cunha oficina técnica de enxeñería pero, por outra banda, temos o segmento de turismo de natureza e actividades medioambientais. Esta parte centrábase na ría da Arousa e na área de Cortegada, onde mantemos unha colaboración co Parque Nacional das Illas Atlánticas, e traballamos na divulgación do labor das mariscadoras ou da ruta fluvial do Xacobeo 2021, que seguramente se cancele este ano porque non hai previsión dunha grande afluencia de turistas. De feito, antes disto, pediramos unha axuda para mercar unha embarcación, o cal é un investimento adicional. E na campaña estival sempre contratabamos a entre catro ou cinco persoas, pero este verán non creo que sexa posible polo peche temporal do turismo.

Segundo as últimas novas parece que, efectivamente, o turismo será dos últimos sectores en reabrir.

Si, así é, tanto turismo como hostalaría e restauración quedarían relegados para as últimas fases. Ou se produce un cambio repentino no verán e o coronavirus remite con forza ou non hai boas perspectivas de reactivación. Vai a ser complicado. Por tanto, todo o comercio, industria e sector primario que poida seguir adiante, temos que centralizado no noso produto e recursos locais. E xa que somos unha potencia no sector primario, debemos investir aínda máis no nosa contorna.

O noso produto ten unha enorme calidade.

No eido do mar e da produción marítima somos unha potencia, desde o sector mexilloeiro e a baixura ata os viveiros. Temos unha riqueza única. É o momento de axudarnos aínda máis. E a ría de Arousa posúe unha calidade de produto excepcional.