Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP A MARIÑA-ORTEGAL CONTINÚA COAS XORNADAS INFORMATIVAS SOBRE O PROGRAMA DE AXUDAS FEMPA 2021-2027 EN BURELA E CELEIRO

O GALP A Mariña-Ortegal pon en marcha dúas xornadas máis de carácter informativo e dirixidas ás empresas e entidades do sector pesqueiro, co obxectivo de dar a coñecer as oportunidades de financiamento dispoñibles a través do programa de axudas FEMPA 2021-2027 para a próxima convocatoria que se prevé para comezos do 2026.

A primeira das xornadas celebrarase o martes, 4 de novembro, ás 12:00 horas, no salón de actos de ABSA en Burela. A segunda terá lugar o xoves, 6 de novembro, ás 12:30 horas, no salón de actos de Puerto de Celeiro.

Estas sesións buscan promover un maior interese e implicación da cadea de valor do sector pesqueiro, no coñecemento e execución do programa de axudas FEMPA e especialmente das axudas que se poden tramitar a través do propio GALP A Mariña-Ortegal.

O obxectivo principal é fomentar e apoiar o xurdimento de iniciativas empresariais e sociais, empregando o fondo FEMPA como ferramenta de financiamento para proxectos que impulsen a sustentabilidade, a innovación e o desenvolvemento local ligado ao mar.

As xornadas estruturaranse como espazos de encontro e diálogo que permitan identificar as necesidades específicas das entidades que operan nos portos de Burela e Celeiro, así como facilitar o intercambio de coñecementos e experiencias inspiradoras entre as principais organizacións do sector, favorecendo a creación de sinerxías e colaboracións.

O GALP A Mariña-Ortegal mantén un compromiso firme co desenvolvemento do sector pesqueiro, destinando un mínimo do 50% do seu orzamento financeiro a proxectos que apoien o avance deste sector estratéxico. A organización destas accións é unha ferramenta clave para acadar ese obxectivo, garantindo un maior impacto económico e social no territorio e contribuíndo á consolidación da actividade pesqueira como motor fundamental do territorio.

Prégase confirmación de asistencia por correo electrónico: galp.mar.marinaortegal@xunta.gal, ou chamando á nosa oficina 982 56 33 55/606 56 85 06.