
Jesús Pérez, Xerente de ACISA Ribadeo
ACISA Ribadeo ten varias empresas asociadas que teñen relación directa co mar, en que actividades?
Hai empresas de pesca, tenda náutica, empresas de actividades e deportes náuticos como escolas de surf, aluguer de embarcacións e o propio sector da restauración e da hostalaría que, en Ribadeo, está moi ligado ao mar.
Cantas empresas forman parte da vosa Asociación?
Son máis de 160 empresas, o 75% das empresas locais, o cal supón unha ampla representatividade.
Seguramente moitos deses comercios aínda están pendentes de abrir, non?
Agora mesmo a maioría de comercios non abriron as súas portas, salvo algúns que seguen operando a través das súas tendas online.
E as empresas de restauración e hostalaría comezarán a normalizar a súa actividade en próximas fases.
Si, estamos chamando un por un aos socios deste sector e a maioría indican que ata a fase 2 ou 3 non abrirán porque non lles compensa economicamente.
Porque é tan importante defender e poñer en valor o mar?
Para as nosas empresas é crucial porque o mar dá personalidade a cada vila e a cada empresa. Por exemplo, na parroquia de Rinlo hai un número importante de socios que vive grazas a esa peculiaridade de dedicarse ao mar, tanto na comercialización do percebe ou a elaboración de arroz con bogavante. Pasa o mesmo con outros negocios na ría, así como con todos os restaurantes que hai na vila de Ribadeo que traballan directamente a gastronomía do mar e coas actividades náuticas.
Porque na vosa zona o mar é un dos principais atractivos, xunto con outros elementos, como a arquitectura indiana.
Efectivamente. Todo o litoral, dende o interior da ría ata a praia das Catedrais, é unha atracción turística, ademais dos produtos que dá o mar. Para nós a súa importancia é vital.