Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

PROXECTO COOPERACIÓN: MAR E RÍAS - PESCA & TURISMO

Os oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia uníronse na promoción do proxecto de cooperación Mar e Rías: Pesca&Turismo baixo a coordinación do GALP Ría de Pontevedra. Este proxecto nace co obxectivo de estender a todas as comunidades costeiras galegas a promoción das actividades de pesca turismo e turismo mariñeiro dende o sector pesqueiro, tomando como exemplo o modelo desenvolvido no proxecto Mar das Illas, posto en marcha nas Rías Baixas e no entorno do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia que formou a máis de 250 profesionais do mar, impulsando novas vías de traballo en turismo mariñeiro e pesca turismo.

Mar e Rías Pesca&Turismo busca ofrecer ao sector pesqueiro novas fontes de ingreso a través da xeración de experiencias turísticas auténticas que contribúan ao mesmo tempo, á redución do esforzo pesqueiro e ao equilibrio entre actividade extractiva e conservación.

O proxecto tamén promove prácticas respectuosas co medio mariño, fomentando o coñecemento, respecto e coidado dos ecosistemas costeiros.

Estes obxectivos conseguiranse a través da posta en marcha de diversas actividades que se poñen a disposición das persoas que forman parte do sector Pesqueiro e acuícola de toda a costa galega.

O proxecto desenvolverá talleres de emprendemento, cursos de formación en cada territorio e titorías personalizadas para acompañar ao sector na creación de produtos turísticos mariñeiros sólidos e seguros.

As titorías abordarán:

- Adaptación das embarcacións ás esixencias de prevención de riscos laborais,

- Adecuación dos barcos para uso turístico,

- Vías de comercialización,

- A preparación necesaria para emprender con garantías.

As persoas participantes poderán realizar visitas a experiencias xa en funcionamento, aprendendo directamente de profesionais do mar que xa están a ofrecer actividades de éxito. Os GALP seleccionarán as mellores experiencias creadas polo sector para seren presentadas e difundidas á cidadanía.

Crearase unha oferta formativa complementaria de tres cursos en liña, entre eles un de iniciación ao inglés turístico, que permanecerán abertos durante seis meses para favorecer a participación do conxunto do sector pesqueiro galego.

Como peche do proxecto celebrarase unha Xornada Internacional de Turismo Pesqueiro, centrada na análise dos avances acadados, a situación actual do turismo.

O proxecto Mar e Rías: Pesca&Turismo está cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) nun 70% e pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia nun 30%, levarase a cabo en dúas anualidades, 2025 e 2026. O orzamento total financiado ascende a 183.756,64 €, correspondéndolle un total de 22.969,58 € ao Galp Costa da Morte.

/sites/default/files/pe155b-2025-00002_0.jpg