Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A divulgación do programa de axudas do GALP Golfo Ártabro Norte, reúne a entidades e empresas no Café Teatro de Narón.

O GALP Golfo Ártabro Norte pechou o mércores 19 de febreiro, o proceso de divulgación do seu programa de axudas dirixido ás entidades empresariais da zona costeira. Nesta reunión, acompañando ao presidente do GALP, José Manuel Fernández Lage,  contouse coa presenza do concelleiro de Urbanismo, Patrimonio e Bens Inmobles do concello de Narón, Manuel Antonio Ramos Rodríguez.

Asistiron ao evento arredor de trinta persoas. Ademais da participación de entidades empresariais, tamén se contou coa presenza de patróns maiores das confrarías da zona.

O principal obxectivo da reunión era o de informar e prestar asesoramento directo sobre o programa de axudas. Para isto puxéronse exemplos de proxectos impulsados noutras zonas costeiras, e resolvéronse dúbidas sobre a presentación das solicitudes de axuda, apoiándose nun modelo de proxecto que podería presentarse na convocatoria.

Centrouse a atención na necesidade de realizar investimentos vinculados á promoción do sector pesqueiro, tanto no que respecta á valorización dos produtos, como no relacionado coas melloras do sector. Neste sentido, reforzouse a necesidade de que as empresas da zona vinculen os seus proxectos con este obxectivo, xa que é o que ten a maior dotación orzamentaria, preto de 700.000 euros.

Algunhas das persoas que asistiron teñen pensado presentar proxectos nesta convocatoria de axudas; son proxectos relacionados coa loxística dos produtos pesqueiros, promovidos por empresariado do sector.

Para calquera aclaración ou dúbida relacionada co programa de axudas o GALP está a disposición das persoas interesadas, nas súas oficinas da Rúa do Curro en Miño, na Casa do Pescador. Lembrouse que é moi importante ter en consideración que a presentación de solicitudes ao programa de axudas finaliza o día 1 de marzo.