Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Dinamizar Impulso de proxectos do sector pesqueiro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca

Encontros dinamizadores coas confrarías do Golfo Ártabro Norte

No marco do proxecto de dinamización do sector pesqueiro, estes encontros pretenden animar aos colectivos do sector pesqueiro á presentación de iniciativas no marco do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que xestiona o GALP Golfo Ártabro Norte.
Presentar experiencias de proxectos promovidos polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro, e aclarar as dúbidas para a próxima convocatoria de fondos, que remata o 1 de marzo de 2021, foron os principais temas que se trataron na reunión que se celebrou onte en Pontedeume.

A Casa da Cultura de Pontedeume acolleu onte á tarde un encontro de traballo no que o principal obxectivo foi o de dinamizar a xeración de proxectos por parte de empresas e entidades desta zona costeira, para seren financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
No acto participaron dúas promotoras de proxectos: Paloma de “La pescadería de Juan y Paloma” de Pontedeume, e Verónica Rodil Lozano de “Conservas Faro de Burela”, que expuxeron como foi a súa experiencia na posta en marcha dos seus negocios, que foron financiado con estes fondos.

A primeira é unha pescadería ubicada en Pontedeume, que traballa a comercialización polo miúdo de peixes e mariscos, cunha importante oferta de produto local. Neste proxecto financiáronse o acondicionamento do local e diversos equipamentos, como un acuario, para a venda de mariscos e crustáceos. Para ela, a axuda do GALP, foi decisiva á hora de poñer en marcha o proxecto, xa que senón sería moi complexo afrontar unha inversión tan elevada. Faro de Burela procede dunha familia que se adica ao comercio maiorista de peixes e decide diversificar a súa liña de negocio. Neste sentido, apostan pola elaboración de conservas artesanais, tendo como produto estrela o bonito, unha das principais especies comercializada na Lonxa burelense. Ambas promotoras destacaron a importancia que ten a atención ás redes sociais, como un medio máis para favorecer o coñecemento e a comercialización dos seus negocios e produtos.

Despois destas presentacións, o público asistente participou nun debate no que se pretendeu dar resposta a todas as dúbidas relacionadas co procedemento de axudas que xestiona o GALP. A respecto disto sinalouse a importancia que ten o deseño do proxecto para a súa presentación e o cumprimento de todos os requisitos que se esixen para ser beneficiarias de axuda.

O GALP Golfo Ártabro Norte puxo os seus medios a disposición dos potenciais promotores, para que estes poidan consultar calquera dúbida que teñan á hora de presentar un proxecto. Lembróuselles que o prazo remata o día 1 de marzo de 2021, co cal xa é necesario ir perfilando aqueles posibles proxectos que se queiran promover.


O próximo día 14 de decembro celebrarase en Ferrol, se as condicións o permiten, outro encontro informativo, destinado principalmente ao tecido de praceiras e praceiros desta localidade, así como a calquera persoa interesada en promover calquera iniciativa baixo o Fondo.