Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Golfo Ártabro Norte organiza para o martes 23 de agosto mesas participativas para seguir traballando no deseño da nova Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) desta zona costeira

O GALP Golfo Ártabro Norte está elaborando a Estratexia de Desenvolvemento Local da zona pesqueira para o período de programación do FEMPA 2021-2027.

Ares – Cabanas – Fene – Ferrol – Miño – Mugardos – Narón – Neda - Paderne - Pontedeume

O martes 23 de agosto ás 17 horas na primeira planta da Casa do Pescador de Miño (Rúa Curro nº33 – 15630 Miño) está previsto que se celebren tres mesas de traballo de diferentes sectores, onde se quere dar relevancia as cuestións vencelladas á igualdade, á inclusión social e ao relevo xeracional do sector pesqueiro, na nova Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo para esta zona costeira:

  • Mesa de traballo das MULLERES, relacionada coas políticas de igualdade, e na que se pretende contar coas aportacións, valoracións, experiencias e necesidades de todas as mulleres que se acheguen, en relación coas accións de igualdade deste ámbito territorial, tanto a nivel de traballo desenvolvido polas mulleres do mar como de todas as mulleres que viven e traballan na zona costeira.
  • Mesa de traballo da MOCIDADE, na que se pretende poder contar coas aportacións, valoracións, experiencias e necesidades, en relación coas accións que poida aportar a mocidade (mozos e mozas menores de 40 anos) neste ámbito territorial, tanto a nivel do traballo desenvolvido pola mocidade nos sectores do mar como de todas as mozas e mozos que viven e traballan nesta zona costeira, así como das necesidades que se poidan detectar para impulsar formación para promover o emprendemento das persoas mais novas dende o GALP.
  • Mesa de traballo da INCLUSIÓN SOCIAL, na que se recollerán as aportacións, valoracións, experiencias e necesidades, para promover a inclusión social neste ámbito territorial, tanto a nivel do traballo nos sectores do mar como de todas as persoas que viven e traballan nesta zona costeira.

O principal obxectivo destas mesas é coñecer de primeira man a situacións destes tres sectores (mulleres, mocidade e inclusión social) neste territorio, actualizar a súa diagnose e recoller accións concretas que serán recollidas no documento da Estratexia, que está previsto presentar ante a Consellería do Mar a finais do mes de setembro.

Ese mesmo día, pola mañá ás 12 horas, celebrarase a segunda xuntanza, destinada ás corporacións municipais e técnicas e técnicos dos diferentes departamentos, onde traballaran nas liñas de acción para o desenvolvemento desta zona costeira, e ás 18.30 horas,  os protagonistas serán as asociacións, entidades, emprendedores e público en xeral, co obxectivo de seguir coñecendo a fondo as súas necesidades e cales poden ser as perspectivas de futuro.

Informar que este proceso é aberto, e se pode participar de maneira presencial, virtual, ou a través da web e redes sociais do GALP Golfo Ártabro Norte.

Tamén pódense facer achegas para a elaboración da estratexia a través dun formulario online (ver enlace no folleto) onde preténdese recoller todas as suxestións e recomendacións para elaborar a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo para o período 2021-2027 do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Norte, ou a través do correo electrónico maraberto.edlp@gmail.com

Recordamos que o GALP segue a traballar co principio de “Portas abertas” dende a súa creación, e calquera asociación, entidade ou organismo pode asociarse ao noso GALP co obxecto de impulsar e dinamizar a nosa zona costeira. Tan só é necesario presentar a ficha de socio e certificado de adhesión que se poden descargar na nosa web ou contactando coa nosa oficina.

Animámosvos a todas e a todos a participar neste traballo conxunto, co obxectivo de conseguir unha estratexia de futuro para o noso territorio, agardando poder contar cunha alta participación tanto das entidades asociadas ao GALP Golfo Ártabro Norte como de todas as interesadas en participar neste proceso e que queiran adherirse á nosa Asociación, como do público en xeral.

Para información máis detallada sobre o proceso podes poñerte en contacto co Equipo Técnico no teléfono 981 784 417 ou ben manda un mail a galp.mar.golfoartabronorte@xunta.gal