Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Golfo Ártabro Norte presenta hoxe día 13 na Casa do Pescador (Miño) a ‘Guía de Confrarías’ e previamente celebrará un Foro para avaliar coas entidades da zona a estratexia de Desenvolvemento Local Participativa (EDLP)

  • O Foro celébrase este venres día 13 de decembro ás 19:00 horas na sede do GALP na Casa do Pescador en Miño.
  • Ademais farase a presentación de resultados de accións de animación realizadas neste último trimestre, para fortalecer a relación do sector pesqueiro co programa de axudas.
  • Posteriormente, ás 20:00 horas se presentará a ´Guía de Confrarías’ na que se recolle información das 6 entidades pertencentes a este GALP.

Hoxe venres ás 20:00 horas na Casa do Pescador (Miño) presentarase a ‘Guía de Confrarías’ editada polo GALP Golfo Ártabro Norte, e que inclúe información sobre as agrupacións de Ares, Barallobre, Ferrol, Miño, Mugardos e Pontedeume. A este acto están convidados os patróns maiores destas confrarías, xunto con representantes políticos dos concellos pertencentes ó GALP, entidades asociativas e deportivas, e empresarios beneficiarios das axudas europeas.

Previamente,  ás 19:00 horas se levará a cabo o Foro da avaliación do seguimento da Estratexia de desenvolvemento local participativa do GALP Golfo Ártabro Norte. Esta xuntanza, que é aberta, enmárcase no proceso participativo que está desenvolvendo o GALP para a avaliación intermedia do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no cal colabora coa Consellería do Mar para a posta en marcha.

Neste evento presentaranse os resultados do proceso de avaliación, no cal destaca o ascenso que tivo o GALP na xestión do programa de axudas neste ano 2019, onde chegou a superar o millón de euros de importe executado do programa. A maiores destaca o crecemento das solicitudes de axuda vinculadas aos proxectos produtivos, que implicaron a creación de doce novas empresas e máis de 32 postos de traballo nesta zona costeira.

Dende o inicio do período de Fondos, no ano 2016, o GALP recibiu 109 solicitudes de axuda, prestando apoio a preto de 60 proxectos, entre investimentos produtivos e non produtivos. En conxunto, a execución do programa supera os 2,3 millóns de euros.

A diversificación das actividades económicas ligadas ao turismo catalizou unha parte importante destes fondos, apreciándose por outra banda, a necesidade de continuar reforzando ao sector pesqueiro para á presentación de proxectos. Neste sentido, o GALP, leva xa varios meses traballando na dinamización do sector, para o cal mantivo reunións de traballo en todas as confrarías da zona.