Martes, 11 de Abril de 2023 - 12:04

O luns 10 de abril, levouse a cabo a primeira actividade do novo proxecto VEN VER.
VEN VER preséntase cunha dobre vertente, pode consistir na realización de visitas a outros territorios, así como na recepción de representantes doutras entidades na Costa Sostible. En ambos casos, o obxectivo é común: analizar fórmulas de traballo interesantes que están a dar os seus froitos e que se poidan implantar noutros ámbitos.
Nesta primeira xornada un grupo de mariscadoras do territorio do GALP Costa Sostible desprazouse ata a provincia de Pontevedra para coñecer GUIMATUR, unha entidade creada polas mulleres do mar de Cambados para mostrar o seu modo de vida e o patrimonio cultural do seu traballo.
A presidenta de Guimatur, María José Cacabelos, explicoulles de forma exhaustiva dende o proceso de constitución ata todos os pasos dados para poñer en marcha unha organización de visitas guiadas que está a ofrecer magníficos resultados.
Unha fórmula que pode ser replicada con éxito no noso territorio e da que ben tomaron nota as mariscadoras que se desprazaron ata alí.