
Óscar Caruncho, propietario do Hostal Praia Madalena e Rutas Cedeira (Cedeira)
O Hostal Praia Madalena, como empresa turística de Cedeira, ten unha estreita ligazón co mar, reforzada, ademais, polas rutas marítimas que organiza. Como afrontades a situación provocada pola Covid-19?
A situación non é boa, porque non sabemos como se vai a desenvolver o verán nin que medidas de seguridade teremos que implantar. Ou, por exemplo, no caso das rutas marítimas que realizamos a través de Rutas Cedeira, se poderemos ter a mesma ocupación de pasaxeiros.
Tanto o Hostal como o resto de actividades levan pechadas desde a declaración do estado de alarma en marzo, correcto? E canta xente forma parte do voso equipo?
Efectivamente. O Hostal está pechado e co cadro de persoal en ERTE e as Rutas, que habitualmente iniciamos en Semana Santa, están canceladas temporalmente. Entre o Hostal e Rutas Cedeira somos nove persoas, tamén contando entre eles ao patrón da embarcación.
Eses paseos polo mar son un atractivo complementario para as persoas que se aloxan no voso hostal, verdade?
Si, hai moitas persoas que contratan estas Rutas, que teñen un desconto se se hospedan no Hostal. Pero tamén poden realizalas á marxe, mercando os billetes directamente na oficina que temos no porto de Cedeira.
Contemplades abrir nalgunha das próximas fases, a 2 ou 3, aínda que sexa con menor capacidade?
Temos previsto abrir o 1 de xullo. Antes non compensa contratar xente. Aínda así, continuamos facendo campañas de promoción na radio, para manter a atención de posibles clientes e ir preparando a volta.
Ademais da preparación do Hostal, a organización das Rutas debe de requirir bastante planificación.
Si. Por exemplo, nas Rutas tiñamos previsto contar coa colaboración de Xeólogos, como Francisco Canosa, pero tivemos que cancelar debido á pandemia.
En que consisten esas visitas turísticas?
Visitamos a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro e os acantilados de Cedeira, aínda que para visitar estes últimos non é accesible facelo todos os días porque realízanse en mar aberto e dependemos de factores como as condicións meteorolóxicas e, sobre todo, do vento. A maioría da xente vén ver os acantilados, de feito hai persoas que ata se emocionan coa súa beleza.
De momento o que toca é prepararse para o regreso á actividade.
Si, estamos pendentes continuamente das medidas que se publican no Boletín Oficial do Estado (BOE) e en contacto coa nosa Xestoría para ir pautando todas as accións. Por agora, sí teño claro que nas Rutas esixirei o uso de máscara e luvas a todos os pasaxeiros.
O mar é chave para a economía da zona e o voso negocio. Cal consideras que é a súa achega máis importante non só para vós, senón para a contorna e a sociedade?
Esta é unha zona moi fermosa, que non sería o mesmo sen o mar. Creo que é unha contorna da xeografía galega que ten moito potencial para amosar os seus atractivos, desde os cantís ata a cultura mariñeira dos percebeiros. Aínda que en Galicia hai moi bo percebe en diferentes rías, o da área de Cedeira ten fama de ser dos mellores do mundo, pola forza coa que bate o mar e, tamén, polo cruce de mares, entre o océano Atlántico e o Mar Cantábrico.