Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Patrimonio marítimo da Costa da Morte | Equipamento cultural

Andrea Serodio, museóloga encargada de crear o Museo dos Naufraxios de Camariñas

Ano de nacemento 1976
Tempo na profesión 17 anos
 

“A comarca leva anos reclamando unha infraestrutura cultural coma o Museo dos Naufraxios”

 A técnico Andrea Serodio volve traballar na Costa da Morte para deseñar outro gran proxecto para a posta en valor do patrimonio marítimo tras a musealización do Museo de Man de Camelle.

O Concello de Camariñas encargoulle a creación do Museo dos Naufraxios na lonxa vella desta vila mariñeira, e para o cal xa se realizou o plan museolóxico e arquitectónico.

Foi outra das convidadas á mesa sectorial da Costa da Morte para elaboración do Plan da Cultura Marítima de Galicia para achegar a súa experiencia.

 

Como xorde esta idea do Concello de Camariñas para custodiar o noso patrimonio subacuático?

A comarca leva anos reclamando unha infraestrutura cultural deste tipo. No Concello era un tema do que se viña falando xa hai tempo e coa cesión da lonxa vella chegou a oportunidade de facelo.

 

En que fase de traballo se atopan? Hai data de apertura?

Realizouse o plan museolóxico e arquitectónico. Agora está en proceso de rehabilitación o edificio, e esperemos que pronto poida realizarse o plan museográfico.

 

Teñen documentados todos os naufraxios e os recursos que se poderían expoñer? Cal vai ser o principal recurso que custodien?

Como dixen aínda está por definir a museografía. Ao ser un museo de nova creación esperamos ir facendo colección grazas a adquisicións, doazóns e depósitos tanto de tipo privado como doutros museos.

 

Que é o máis importante que hai que facer nestes momentos para protexer o patrimonio subacuático?

Principalmente, documentalo a través da realización das cartas arqueolóxicas para poder protexelo tanto xurídica como fisicamente.

 

Habería que potenciar o mergullo recreativo para a súa posta en valor?

Creo que o mergullo axuda a dar a coñecer o patrimonio e a sensibilizar na necesidade de custodiar e protexer os nosos xacementos subacuáticos.

 

6. Previamente, tamén se encargou da musealización do Museo de Man. Como resumiría esta experiencia e que vantaxes supuxo para Camelle e, en xeral, para a Costa da Morte?

Creo que Man de Camelle é un personaxe único que merecía ter un museo onde se dese a coñecer a súa obra e filosofía de vida. Existen moitas tipoloxías de museos pero so existiu un Manfred. Tal e como o pobo de Camelle axudou a Man no seu día, agora Man axuda a Camelle a posicionarse no mapa como referente cultural da Costa da Morte.

 

7. Vostede non é da comarca, como se nos ve ou ven desde fóra? O mar dános un carácter diferente?

O mar e o centro económico da Costa da Morte e o traballo nel forxa personalidades con carácter, moi similares aos doutras partes da costa galega.

 

8. Última pregunta, que é para vostede o mar?

O mar e o motor do noso planeta, a orixe da vida, nosa despensa e lamentablemente, tamén a morte. Este motor para que funcione debemos coidalo e protexelo.

 

TRABALLO PREVIO: WWW.MANDECAMELLE.COM
Un espectacular edificio fronte ao peirao de Camelle é a sede do Museo de Man de Camelle. Foi un proxecto museográfico dirixido pola técnico Andrea Serodio no que se recompilou a parte conservada da obra do artista alemán Manfred Gnädinger, máis coñecido como “Man, o alemán de Camelle”, que chegou a esta vila na década dos 60 do século XX. Aquí creou o seu edén de fantasía e soidade, o lugar que lle deu a paz interior que buscaba e onde dar vida á súa obra.
Ao visitante solicitáballe que fixese un debuxo nunha das súas libretiñas, sendo unha forma de relacionarse cos demais xa que en “cada papel está a alma de cada quen e o meu obxectivo é facer un gran rañaceos con todas elas”, adoitaba dicir.
O naufraxio do Prestige tinguiu de negro a súa obra, os seus fillos, como el os chamaba. Non o puido superar e morreu o Día dos Inocentes de 2002.
A súa obra e legado trasladouse ao museo que leva o seu nome que tamén se pode visitar na web www.mandecamelle.com. Foi tamén un proxecto financiado polo GALP Costa da Morte.