Andrea Serodio, museóloga encargada de crear o Museo dos Naufraxios de Camariñas
“A comarca leva anos reclamando unha infraestrutura cultural coma o Museo dos Naufraxios”
A técnico Andrea Serodio volve traballar na Costa da Morte para deseñar outro gran proxecto para a posta en valor do patrimonio marítimo tras a musealización do Museo de Man de Camelle.
O Concello de Camariñas encargoulle a creación do Museo dos Naufraxios na lonxa vella desta vila mariñeira, e para o cal xa se realizou o plan museolóxico e arquitectónico.
Foi outra das convidadas á mesa sectorial da Costa da Morte para elaboración do Plan da Cultura Marítima de Galicia para achegar a súa experiencia.
Como xorde esta idea do Concello de Camariñas para custodiar o noso patrimonio subacuático?
A comarca leva anos reclamando unha infraestrutura cultural deste tipo. No Concello era un tema do que se viña falando xa hai tempo e coa cesión da lonxa vella chegou a oportunidade de facelo.
En que fase de traballo se atopan? Hai data de apertura?
Realizouse o plan museolóxico e arquitectónico. Agora está en proceso de rehabilitación o edificio, e esperemos que pronto poida realizarse o plan museográfico.
Teñen documentados todos os naufraxios e os recursos que se poderían expoñer? Cal vai ser o principal recurso que custodien?
Como dixen aínda está por definir a museografía. Ao ser un museo de nova creación esperamos ir facendo colección grazas a adquisicións, doazóns e depósitos tanto de tipo privado como doutros museos.
Que é o máis importante que hai que facer nestes momentos para protexer o patrimonio subacuático?
Principalmente, documentalo a través da realización das cartas arqueolóxicas para poder protexelo tanto xurídica como fisicamente.
Habería que potenciar o mergullo recreativo para a súa posta en valor?
Creo que o mergullo axuda a dar a coñecer o patrimonio e a sensibilizar na necesidade de custodiar e protexer os nosos xacementos subacuáticos.
6. Previamente, tamén se encargou da musealización do Museo de Man. Como resumiría esta experiencia e que vantaxes supuxo para Camelle e, en xeral, para a Costa da Morte?
Creo que Man de Camelle é un personaxe único que merecía ter un museo onde se dese a coñecer a súa obra e filosofía de vida. Existen moitas tipoloxías de museos pero so existiu un Manfred. Tal e como o pobo de Camelle axudou a Man no seu día, agora Man axuda a Camelle a posicionarse no mapa como referente cultural da Costa da Morte.
7. Vostede non é da comarca, como se nos ve ou ven desde fóra? O mar dános un carácter diferente?
O mar e o centro económico da Costa da Morte e o traballo nel forxa personalidades con carácter, moi similares aos doutras partes da costa galega.
8. Última pregunta, que é para vostede o mar?
O mar e o motor do noso planeta, a orixe da vida, nosa despensa e lamentablemente, tamén a morte. Este motor para que funcione debemos coidalo e protexelo.