Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Patrimonio marítimo da Costa da Morte | Historia e cultura

Rafael Lema Mouzo, escritor e novelista

Ano de nacemento: 27-04-1967 
Residencia: Ponte do Porto, Camariñas 
Tempo na profesión: 22 anos, desde 2000 

 

“O mar é o camiño que une Galicia coa Historia”

 A mediados de maio pasado, o escritor Rafael Lema Mouzo (Ponte do Porto, Camariñas, 1967) foi o encargado de moderar a mesa sectorial da Costa da Morte para elaboración do Plan da Cultura Marítima de Galicia.

Falamos con el deste encontro, de patrimonio material e inmaterial, dunha identidade, da herdanza que nos deixa o mar e da necesidade de poñer en valor o noso a través de multiples vías, como a escrita.

De feito, da súa obra literaria que ten como eixo argumental o mar da Costa da Morte, persoeiros da comarca e a investigación naval.

 

Como foi a mesa de debate convocada polo Plan da Cultura Marítima de Galicia na primavera pasada? Que destacaría desta experiencia?

O feito de reunir a xente comprometida en distintos ámbitos sempre é un acto positivo e que redunda en froitos a curto prazo, pois nacen novas iniciativas e a xente ve que se pon en valor o que fai, que as súas teimas son compartidas. Ademáis escoitanse distintas voces e faise comarca, porque as iniciativas individuais logran maior impacto se se xuntan nun conxunto.

 

O certo é que había unha representación moi rica e plural de personalidades, oficios e experiencias vitais arredor do noso mar. Era unha pequena mostra do que, en realidade, é a cultura marítima da Costa da Morte!

A cultura marítima é moi descoñecida, non só en España senón en Galicia. A uns kilómetros terra adentro hai un xeito de entender o mundo xa distinto, e nas cidades, o salto xa é absoluto. Galicia ten unha cultura forte, homoxénea, pero con moitos matices, localismos, un deles a vida na costa. O mundo do mar é singular e a súa vez mantén vivas tradicións que o fan irmán doutros tramos costeiros europeos, sobre todo atlánticos. A cara marítima é moi importante, empeza a valorarse agora.

 

Vostede é escritor e a súa obra, ficción e histórica, narrativa e poesía, pode dicirse que ten como eixo argumental a Costa da Morte, os feitos que aquí sucederon; e como personaxes, xente que viviu neste territorio. Que o motivou a tomar a Costa da Morte e este mar bravo como fonte de inspiración e desde cando?

Empecei escribindo poesía, libros que obtiveron importantes premios e foron editados nas mellores coleccións. Neles, o motivo de inspiración era o mar fisterrán, porque era o meu hábitat, a paisaxe que tiña diante, a fonte das experiencias. En parte axudou a que nenos e nenas creadores da comarca viran que eles tamén podían escribir desde aquí e ser recoñecidos. Logo, nas novelas busquei recuperar persoeiros históricos pouco coñecidos, xente do mar, e facer unha literatura de aventuras mariñas da que carecíamos nas nosas letras. A investigación naval é outro dos eixos importantes da miña produción e tamén naceu para tapar esa eiva, a falta de traballos sobre a nosa rica historia naval. Sempre que puiden, vivín experiencias mariñas en varios países. Son fillo e sobriño de mariños mercantes, curmán de mariñeiros, nacín e vivo na ría de Camariñas, así que o mar forma parte desde a nenez do meu mundo, das historias da casa.

 

Se tivese que destacar un dos seus libros de entre todos, cal sería? Por que?

“Costa da morte, un país de sueños y naufragios” tivo unha repercusión impresionante fóra, non só polas catro edicións senón por ter chegado a inspirar series de TV, documentais, polas entrevistas e artículos en medios de varios paises e en ámbitos onde non é doado entrar, nin que falen de creacións feitas en Galicia ou na Costa da Morte. É unha revisión do mundo dos naufraxios, para acabar coa lenda negra da Costa da Morte e revalorizar o patrimonio subacuático. A nivel literario, novelas como “Flores negras” ou “U49” tamén chegaron a representar as nosas letras en congresos europeos e en estudios universitarios de distintos países. Outras tiveron máis vendas e máis edicións (“Capitán Araña”, “O camiño dos faros”), pero non é doado acceder a certos ámbitos académicos de prestixio con obras en galego.

 

Que fontes utiliza para documentarse?

No campo literario, as lecturas, a experiencia persoal e escoitar a xente son piares básicos. Na investigación naval, as fontes son sobre todo arquivos públicos e privados e tamén o contacto con outros investigadores de distintos países, compartindo descubertas e traballos. Achegar novidades, sobre todo da contorna máis próximo

 

Que importancia ten a recuperación, e preservación, do patrimonio inmaterial (no que se encadran as historias e as lendas) para a posta en valor da nosa identidade cultural?

A cultura popular galega é moi rica, milenaria, pero tamén iletrada, polas eivas da historia (ataques a lingua, desprezo polo noso). A nosa cultura e a nosa historia non envexan a ningunha outra. Por iso a memoria oral, as lendas, as cantigas son tan importantes. Recollen un acervo que vai as orixes de Europa, para os nosos maiores non era folclore senón vida, tradición viva. Os nosos maiores seguían creando (e crendo) lendas e cantigas. Ter a última xeración mítica de Europa é un tesouro que só fica en Galicia, aínda que esmorece cos últimos, cos avós.

 

Cre que coñecemos o suficiente a nosa historia para coidala e repectala?

Nos últimos anos hai interese, máis publicacións, máis demanda de saber cousas da nosa historia, a nivel local recupéranse episodios históricos, persoeiros. Non obstante, perdura unha idea negativa do noso pasado, desapego e desinformación. Hai moito aínda que traballar neste senso, e canto máis investiguemos máis motivos teremos para estar orgullosos do que somos e do que fomos. Falan mal do noso pasado os ignorantes.

 

Que accións concretas considera que se deben realizar para conservar e poñer en valor o patrimonio e a cultura marítima da Costa da Morte?

Promover a investigación do noso pasado, publicar libros, facer xornadas de debate e acudir a foros externos, apoiar os investigadores e creadores locais. Inventariar os recursos patrimoniais, recuperalos e crear unha rede de espazos visitables, de rutas. Tamén centros locais de interpretación, documentación, dentro dunha rede comarcal.

 

Última pregunta, que é para vostede o mar?

O mar é o camiño que une Galicia coa Historia. O Camiño de Santiago nace cunha viaxe mariña, e a súa primeira imaxe está na ría de Camariñas, a unha milla da miña casa.

 

A OBRA LITERARIA EN POESÍA E NOVELA DE RAFAEL LEMA MOUZO ESTÁ AMBIENTADA NA COSTA DA MORTE, ASÍ COMO A OBRA DE INVESTIGACIÓN E ENSAIO
Novela
Flores negras (1998, Sotelo Blanco, 2022).
Capitán Araña (1999, Sotelo Blanco).
Mareas negras (2003, Tambre Edelvives).
O club do Corvo Mariño (2005, Tambre Ed).
U-49 (2007, Tambre Ed).
Crónicas corsarias (2008, Tambre Ed).
O tesouro da corsaria (2010, Tambre Ed).
Poesía
Cemiterio das gaivotas (1993, Espiral Maior).
Atlántida (1999, Espiral Maior).
Luces de N. Y. (2001, Sociedade de Cultura Valle-Inclán).
Sete vagas (2006, Sociedade de Cultura Valle-Inclán).
Alturas do Monte Pindo (2013, Concello de Negreira/Consellería de Cultura).
Últimos días do Serpent ( 2021, Adiante Galicia, online).
----
Ensaio, investigación
El camino secreto de Santiago, la ruta pagana de los muertos (2007, Edaf).
Costa da Morte. Un país de sueños y naufragios (2011, GAC3. 2022, AG).
Catálogo naufragios Costa da Morte- Galicia (2012, Diputación A Coruña).
Costa da Morte, crónica marítima (Galp 2017).
Camiño dos faros, leyendas de la Costa da Morte (2020, Editatum).
En imprenta:
4000 naufragios de Galicia