Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Patrimonio marítimo da Costa da Morte | Tradición mariñeira

Jaqueline Lista Fiateira, mariscadora a pé e patroa dun barco

Residencia: vila de Camariñas
Ano de nacemento: 19/03/1975
Tempo na profesión: 20 anos
 

“Yaqui, gústame moito a túa profesión!”

 A paixón polo mar, polo oficio e por Camariñas de Yaqui Lista, contaxia a quen a escoita.

Suma 20 anos “oficiais” como mariñeira, patroa, mariscadora a pé e guía de turismo mariñeiro aínda que, como neta, filla e sobriña de pescadores, criada nunha casiña fronte á lonxa vella, o mar sempre foi un imprescindible na súa vida, sempre mirándoo con respecto, enfatiza cando se refire a el: “Dácho todo, pero tamén cho pode quitar de repente”.

Foi outra das convidadas á mesa sectorial da Costa da Morte para elaboración do Plan da Cultura Marítima de Galicia para achegar a súa experiencia.

 

Cando empezou na profesión e como aprendeu o oficio?

Podo dicir que levo toda a vida no mar; o meu día a día está vinculado a el. Crieime nunha casiña mariñeira, meu pai era armador e sempre me encantou o mar. Ao casar, o meu home mais eu fixemos un barco, O Vilán I, co que imos ao congro e ao pulpo, ao marisqueo a flote e ao percebe. El era patrón e eu mariñeira. Despois saquei o título e tamén eu fun patroa e cando saíron os carnés para mariscadora, conseguín un. Son a terceira de tres irmás e a única que continuei o oficio de meu pai, aínda que el quería que traballara para que o que estudiei.

 

Terá moitas anécdotas?

Despois de cear e deitarnos, tan pronto miña nai saía pola porta para esperar a meu pai na lonxa e preparar o peixe para a venda, eu escapaba pola ventá. Non houbo día da miña infancia que o barco de meu pai fora ao mar que eu non estivera no peirao esperando. Podo dicir que me criei na lonxa vella de Camariñas!

 

Tivo que enfrontar algún reto ou dificultade máis dura por ser muller no sector do mar? A de mariscadora é unha profesión feminizada, pero non hai moitas patroas de barco.

Pola miña experiencia e personalidade, eu nunca me sentín fóra de lugar porque sempre tiven acceso a todo e a todos os sitios e, despois prepareime. De pequena, non practicaba, pero miraba e tamén aprendía. Había barreiras que xa se foron superando e aínda quedan outras. Meus irmás, por exemplo, ataban e eu, para ver como o facía, tiña que palillar ao lado.

O que si, non se pode negar que non temos a mesma forza cós homes para facer unha maniobra rápida no barco aínda que é todo actitude. Ao mellor cústame un pouco máis, pero non significa que o non o poida facer.

 

En 2016, deu o paso para buscar novos camiños. Desde entón guía rutas interpretativas para explicarlle a turistas e visitantes como é o seu oficio. Que a motivou a dar este paso?

Primeiro, a persoa que nos deu a formación a través do proxecto “O mar todo”, promovido polo Concello de Camariñas e subvencionado polo GALP Costa da Morte. Ela animoume a facer o curso de de guía de turismo mariñeiro. Se de verdade es unha boa camariñana e tes paixón polo mar, queres explicarlle a todos como é o teu oficio, como traballas, para que sintan o mesmo ca ti. A nosa cultura está nos libros, pero por que non contala?

 

E a vostede, que lle achegan estas experiencias?

Moita gratificación e satisfacción. Din que os nenos sempre din a verdade. Nunha charla para 4 ou 5 anos, vía como eles estaban moi atentos a todo, nada despistados e ao acabar, acercóuseme un e dime “Yaqui, gústame a túa profesión”. Eso é moi emocionante!

A min encántame o que fago e a natureza é a miña oficina de traballo. Con este contexto é moi fácil que eu nas charlas poida contar que a miña profesión é o mellor do mellor.

 

Por onde fai as visitas ou imparte as charlas?

Na praia do Ariño, no peirao, en colexios e asociacións. Eu sempre intento centralas como se estivese recibindo a uns amigos de fóra e os levase de paseo por Camariñas. Cóntolles detalliños do noso día a día, que para nós son normais, pero a eles chámanlles moito a atención. Adoitan decirme que lles encantou e se lles pasou o tempo volando. E non fai falla que digan nada porque se lles nota na cara! Hai pouco, unha familia alemana pediume continuar a visita guiada tomando un café!

 

Que teriamos que facer para que os máis novos, ou outras persoas que estean pensando en cambiar de oficio, se animen a vivir do mar?

Todo depende de a onde a vida te leve. Asegúroche que se vives nun porto pesqueiro, acabas vivindo do mar porque ten moitas vantaxes. Como mariscadora, por exemplo, traballas 15 días ao mes e 4 horas ao día polo que tes moita marxe para atender á familia.

 

Que accións concretas considera que se deben realizar para conservar e poñer en valor o patrimonio e a cultura marítima da Costa da Morte?

A cultura falada. Cocienciar aos nenos e aos adultos no respecto polo mar porque temos que vivir del. Todo é rotatorio, todo volve ás raíces e se agora explotamos o que temos, as novas xeracións terán que empezar de cero.

 

Última pregunta, que é para vostede o mar?

Todo. Son parte do mar. Sería incapaz de vivir nunha vila na que non houbese mar. Sen eses despertares mirando pola ventá a ver se hai Nordés e o meu home pode ir aos percebes. O son do mar batendo contra as pedras ou os paseos cerca del fan desaparecer os problemas ata o 10%. Eu vivo o mar, pero tamén lle teño moitísimo respecto. Aprendes que cho dá todo, pero tamén cho quita de repente.

 

TRANSMISIÓN DA MEMORIA ORAL DA HISTORIA DA PESCA DA COSTA DA MORTE. DOCUMENTO SONORO
A paixón de Yaqui Lista polo mar, polo oficio e pola propia historia da súa familia vinculada á pesca transmítese do ti a ti en calquera conversa. Falar con ela é manter viva a historia pesqueira de Camariñas, de toda a Costa da Morte, como podemos escoitar neste audio que recorda a captura da pescada con palangre no Canto traballar “en compañía”.