Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A conselleira do Mar participou na entrega de diplomas do proxecto Mar das Illas

A XUNTA APOIA A APOSTA POLO TURISMO MARIÑEIRO PARA DIVERSIFICAR A ECONOMÍA DAS ZONAS COSTEIRAS DEPENDENTES DA PESCA

Rosa Quintana enxalza a iniciativa desenvolvida polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Pontevedra para formar aos profesionais do sector sobre esta materia e impulsar a xeración de emprego. A Consellería do Mar destaca a importancia de diversificar a actividade cara ao turismo e convertendo o patrimonio marítimo nun produto turístico de calidade e de potencial proxección nos mercados nacional e internacional.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu a importancia de aproveitar as portas que se abren para a diversificación económica das zonas locais costeiras dependentes da pesca e salientou o lugar destacado que ocupan as iniciativas turísticas vencelladas con esta actividade como é o turismo mariñeiro. Así o destacou durante a entrega de diplomas do proxecto Mar das Illas Atlánticas: Apoio ao desenvolvemento de iniciativas turísticas desde o sector pesqueiro (Mar das Illas 3), impulsado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra.

Esta iniciativa, na que participan tanto outros GALP como os das rías de Arousa e Vigo-A Guarda como o Parque Nacional das Illas Atlánticas, a Asociación Mar Seguro de Galicia ou a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, pretende promocionar o turismo mariñeiro entre os profesionais do mar das Rías Baixas e especialmente no ámbito do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Con ese obxectivo, outorga ao sector formación completa sobre esta materia e promove a creación de novas accións xeradoras de emprego a través da diversificación da actividade pesqueira.

Por iso, a titular de Mar enxalzou un proxecto que xa vai pola súa terceira fase e que supón “apostar pola diversificación do sector cara ao turismo e convertendo o patrimonio nun produto turístico de calidade e de potencial proxección nos mercados nacional e internacional”. “Tiñamos un reto, crear novas fontes de ingresos e novas oportunidades de traballos para evitar a desaparición das comunidades locais pesqueiras e superámolo”, subliñou Rosa Quintana. Neste sentido, a representante do Executivo galego resaltou que o turismo mariñeiro é un novo modelo de negocio para o sector que permite valorizar a cultura e tradicións de Galicia e que é totalmente sustentable. “Mar das Illas capacita profesionalmente e fomenta o emprendemento entre o colectivo mariñeiro local e ten un enorme potencial de crecemento e capacidade de xerar novas vías de ingresos, emprego estable e complementario á actividade extractiva”, incidiu a conselleira do Mar.

Rosa Quintana, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, tamén enxalzou que esta iniciativa permite revalorizar os recursos pesqueiros galegos e a divulgación do traballo no mar da man dos profesionais que mellor coñecen os oficios do sector así como mellorar a calidade de vida dos mariñeiros das Rías Baixas, o seu futuro e o das súas familias. “Quen mellor que os nosos mariñeiros para amosar aos visitantes o noso patrimonio marítimo-costeiro e a beleza natural do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas?”, subliñou a titular de Mar.

O proxecto Mar das Illas

O proxecto Mar das Illas 3 dá continuidade ás dúas primeiras edicións nas que o GALP Ría de Pontevedra formou como guías turísticos a 120 profesionais do mar. A primeira delas foi o Curso de iniciación ao turismo mariñeiro no ámbito de influencia do Parque Nacional Illas Atlánticas mentres que a segunda foi Mar das Illas 2: Sustentabilidade e boas prácticas na pesca-turismo. O seu obxectivo é promocionar o turismo mariñeiro entre o sector pesqueiro, as súas familias e todos os interesados en emprender iniciativas deste tipo.