Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A nova Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do GALP Ría de Pontevedra entra na súa recta final

  • Os documentos resultantes do proceso xa se presentaron perante a Asemblea Xeral e a Consellería do Mar

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Pontevedra finalizou a elaboración da nova Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP). Este documento marcará os vindeiros cinco anos da súa área de influencia, que abrangue os concellos de Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño.

Concretamente, a EDLP é o documento que orientará a aplicación do Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA) no período de fondos europeos 2021-2027, destinado a financiar proxectos que contribúan ao desenvolvemento sostible do territorio, dentro dos obxectivos marcados pola estratexia.

Para a elaboración desta EDLP aplicouse un proceso participativo, tanto virtual como presencial, no que participaron entidades, institucións e a cidadanía en xeral, co obxectivo de identificar as necesidades do territorio da Ría de Pontevedra e definir as liñas de actuación para mellorar a súa situación.

A estratexia resultante xira entorno a seis obxectivos estratéxicos. O primeiro é o aumento de valor, o fomento do emprego e da innovación no sector da pesca e da acuicultura. O segundo gran obxectivo trata do fomento da economía azul mediante iniciativas de economía circular e o turismo sostible. O terceiro obxectivo estratéxico abrangue o impulso do patrimonio medioambiental e das actividades de mitigación do cambio climático.

Outros dous grandes obxectivos marcados pola EDLP son o fomento do benestar social e do patrimonio cultural, así como o reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento sostible local. O sexto e último obxectivo estratéxico é promover a cooperación interterritorial e transnacional para contribuír a un océano e litoral saudable, seguro e sostible.

A EDLP, tras presentarse perante a Asemblea Xeral do GALP Ría de Pontevedra, foi presentada ante a Consellería do Mar a finais de setembro.