Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

Así foi o segundo parladoiro do proxecto bitácoras no golfo ártabro norte

A actividade tivo lugar o pasado venres 6 de maio na Confraría de Barallobre, en Fene
Durante a sesión da tarde, as e os asistentes reflexionaron sobre os retos da economía azul e o Pacto Verde e tamén puideron coñecer como se desenvolve a actividade na confraría                   
Están programados tres parladoiros máis no resto de territorios promotores nos meses de maio e xuño
 
O proxecto Bitácoras é unha proposta de colaboración entre os Grupos de  Acción Local do Sector Pesqueiro de Galicia, que pon en valor a interacción entre grupos, anota o traballo desenvolto ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca no período 2014-2020, e afonda na gobernanza das zonas costeiras, apoiándose nun enfoque metodolóxico do DLP (Desenvolvemento Local Participativo). 
Participan del o GALP Golfo Ártabro Norte, GALP Golfo Ártabro Sur, GALP Costa Sostible, GALP Ría de Arousa e GALP Ría de Pontevedra.
 
Os Parladoiros
Dentro das actividades previstas na grella do proxecto atopamos os Parladoiros, xornadas de reflexión conxunta que queren poñen en común experiencias de referencia no territorio en distintos eixos temáticos que van do desenvolvemento sostible das zonas costeiras, ata a innovación e o consumo no sector, pasando por cuestións vencelladas á identidade dos territorios costeiros, os retos da economía azul e o pacto verde na costa galega ou a gobernanza nos territorios do litoral.
 
Golfo Ártabro Norte: economía azul e Pacto Verde. Os retos da costa galega
O Golfo Ártabro Norte acolleu a segunda das actividades dos Parladoiros do Proxecto das Bitácoras, celebrado o pasado venres 6 de maio na Confraría de Pescadores de Barallobre, en Fene. A xornada versou sobre os retos das zonas costeiras galegas no relativo á economía azul e ao Pacto Verde e nela participaron máis dunha trintena de persoas vencelladas ao sector pesqueiro e ao programa de axudas no territorio do GALP Golfo Ártabro Norte. 
 
Ás 16h estaban citadas as e os participantes do Parladoiro nas instalacións da Confraría de Barallobre, sede desta actividade no territorio do Ártabro Norte. Xa ás 16.30h deu a benvida á sesión Jose Manuel Lage -presidente do grupo-, que agradeceu ás asistentes a súa presencia e contextualizando a temática da xornada dentro do traballo desenvolto polo grupo. 
 
Continuou María Antonia Fernández Abeledo -xerente do Golfo Ártabro Norte- cun relatorio sobre os obxectivos acadados no territorio e o grao de execución do programa do FEMP no territorio entre 2016 e 2021. Aproveitou o final da súa exposición para recordar ás asistentes o lema da campaña “Pescamos ideas” coa que o grupo quere que as persoas e iniciativas do territorio que poidan achegar valor, presenten as súas ideas para acadar axuda para o seu desenvolvemento. 
 
A mesa redonda: economía azul e Pacto Verde
Xa marcaban as 17h cando deu comezo o contido central da actividade do Parladoiro, unha mesa redonda que contou coa participación de dúas investigadoras expertas que iniciaron a súa exposición para dar contexto á quenda de debate coas persoas asistentes. No caso do Golfo Ártabro Norte, a mesa estivo moderada por Ana Ares -responsable de calidade do Laboratorio de Plásticos da Universidade da Coruña-, colaboradora habitual do grupo en cuestións vencelladas á asesoría e capacitación sobre polímeros para proxectos de reutilización de plásticos promovidos polo GALP. Compartiu Ana espazo con Rosa Chapela, xefa do Departamento socioeconómico Pesqueiro do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR). 
Ambas introduciron o debate expondo unha batería de cuestións socioeconómicas e ambientais relacionadas cos retos da zona costeira para avanzar cara o modelo europeo do Pacto Verde e as directrices da economía azul. 
 
As e os asistentes puideron compartir coas dúas investigadoras e coa moderación da asistencia técnica as súas inquedanzas, reflexións e comentarios no relativo ao retos da economía azul no territorio e os pasos a dar de cara ao novo programa do Fondo. 
 
O documental das Bitácoras
Ao rematar a mesa, proxectouse o documental realizado ao abeiro do Proxecto Bitácoras no territorio do Golfo Ártabro Norte que xa pode verse aquí 
 
A peza repasa o traballo desenvolto polo GALP no territorio do Ártabro Norte, centrándose nos proxectos que se desenvolveron nesta zona co apoio do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, xestionado polo grupo en colaboración coa Consellería do Mar da Xunta de Galicia. 
 
Ao remate da programación de relatorio, visitouse a exposición da Mostra de Boas Prácticas nos territorios promotres das Bitácoras, onde se recollen as especificidades dos proxectos seleccionados polas xuntas directivas e o público de entre todos os aprobados ao longo do programa 2014-2020. 
 
Visita ás instalacións da confraría 
Jorge López Pena, patrón de Barallobre, fixo de anfitrión dunha visita ás instalacións da confraría, sede do Parladoiro. 
 
Xa as 20h e como broche final da sesión, serviuse unha pequena degustación de produto pesqueiro da zona, abrindo un momento máis distendido entre as persoas asistentes dos cinco territorios costeiros que abranguen os GALP participantes. 
                                                                                                                                              
Proposta temática dos vindeiros Parladoiros
Rematou así o segundo dos Parladoiros deseñados no marco do Proxecto das Bitácoras. A previsión é realizar tres parladoiros máis no resto de territorios participantes. Tras o realizado na Costa Sostible sobre desenvolvemento sostible das zonas costeiras e finalizado este en Fene, segue o xoves 12 de maio a zona de Arousa, cun relatorio sobre identidade das comunidades costeiras. Continuará a ruta das Bitácoras na Confraría de Portonovo, en Sanxenxo, xa o 10 de xuño cunha sesión sobre o modelo de gobernanza nas zonas costeiras e rematará a proposta na Lonxa da Coruña o 17 de xuño cun Parladoiro que reflexionará sobre o consumo e a innovación do produto pesqueiro galego.