Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

A asemblea xeral ordinaria aproba o programa de actividades para a anualidade 2021

O pasado venres 18 de xuño, o GALP Golfo Ártabro Sur celebrou a súa Asemblea Ordinaria. Este encontro anual ao que acoden os socios da agrupación, tivo lugar ás 18:00h no Multiusos A Senra de Bergondo.

Esta anualidade, a pesar da situación epidemiolóxica actual, tivo unha boa acollida entre os socios; pois garantíronse todas as medidas sanitarias na súa realización, cumpríndose todos os protocolos COVID establecidos.

Durante a asemblea presentouse a Memoria da anualidade 2020, na que se recollían todas as actividades de difusión, os proxectos presentados e a xustificación dos mesmos, así como os acontecementos máis relevantes para o grupo durante ese ano. A Asemblea aprobou por unanimidade o documento.

Por outra banda, tamén se presentaron as contas do ano 2020 que foron aprobadas igualmente por unanimidade, do mesmo xeito que o orzamento previsto para a anualidade 2021.

Tamén se aprobaron por unanimidade a previsión de actividades para a anualidade 2021. O GALP Golfo Ártabro Sur, espera poder facer gran parte destas actividades de forma presencial cumprindo todos os requisitos establecidos; aínda que, como se comentou na reunión, a situación sanitaria marcará as pautas a seguir, polo que se aprobou tamén a posibilidade de poder facer as mesmas dun xeito non presencial. 

Vídeo “Faenando no Golfo Ártabro”

Para finalizar a Asemblea, presentouse o material audiovisual “Faenando no Golfo Ártabro”, que amosa as especies mariñas máis frecuentes no Golfo Ártabro, así como as artes empregadas para a súa captura. Este vídeo contén imaxes reais das nosas costas, e  para afianzar toda esta información, realizáronse pequenas animacións que foron reforzadas coa intervención de representantes dos seguintes colectivos: Cofradía de Pescadores de A Coruña, Cofradía de Pescadores de Mera, Cofradía de Pescadores de Sada e Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA).