Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP aproba un total de 10 proxectos para este 2020

 

  • O Grupo está agora á espera do visto bo por parte da Consellería do Mar para poder dar a aceptación definitiva aos promotores.
Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur acaba de aprobar un total de 10 proxectos para desenvolver o sector do mar nos 7 concellos que forman parte da agrupación.
 
Iniciativas de mellora enerxética, de protección e coidado do medio ambiente, de inclusión, difusión e formación, así como de mellora de equipamento, son algunhas das propostas de proxecto que o GALP aprobou para este 2020. As accións están dirixidas a entidades ou persoas emprendedoras que se sitúan nos concellos que pertencen ao grupo: A Coruña, Arteixo, Culleredo, Cambre, Bergondo, Sada e Oleiros. As accións clasifícanse nun total de 6 produtivas e 4 non produtivas.
 
Proxectos produtivos
Un dos obxectivos do GALP é mellorar o equipamento dos diferentes entes vencellados ao sector do mar no seu ámbito de actuación. Deste modo, pretende realizar actuacións na lonxa da Coruña, que inclúen a mellora enerxética na sala de máquinas e a renovación das portas de acceso á lonxa. Tamén se propón mediante o eixo da diversidade a instalación dun forno industrial e a creación dunha páxina web para a elaboración é venta de empanadas con produtos do mar en Horno San Isidro.
 
Así mesmo, neste apartado tamén se fai oco ao turismo, impulsando unha iniciativa de náutica sostible e accesible a través dunha embarcación de vela en Altavela Servicios Náuticos SL. Neste ámbito do mar tamén se atopa o proxecto titulado “La Espina, ocio mariño y deportes náuticos” que desenvolverá Equiges Consultoría Integral S.I., mediante o cal se desenrola unha fusión de turismo sostible, deporte e medioambiente.
 
O GALP tamén lle dá continuidade ao seu traballo en materia medioambiental, elaborando dentro deste apartado o proxecto de valorización de plásticos con Recuperamos S.L., mediante este proxecto levarase a cabo a reciclaxe de plásticos con novas técnicas que permiten aproveitar unha porcentaxe moito mais elevada.
 
Proxectos non produtivos
O GALP aproba un encontro gastronómico, turístico e de ocio Maridar II promovido pola Federación de Asociacións de Empresas As Mariñas. Este evento vai a potenciar a ligazón entre mar e terra, aproveitando a riqueza de produtos gastronómicos do territorio e levándoos cara o sector do ocio e o turismo náutico.
 
Dentro deste apartado tamén se atopa o proxecto “turismo e náutica” cuxo promotor é Club Náutico Recreativo de Sada. Así mesmo, neste mesmo sector tamén se atopa o proxecto do Club Náutico de Sada, no que se levarán a cabo melloras nos pantaláns para poder acoller unha das etapas da Transgascogne, co que se conseguirá dar a coñecer o Golfo Ártabro, a súa tradición e gastronomía.
 
Como podemos ver, o GALP segue incentivando o turismo nos seus proxectos non produtivos, co desenvolvemento e impulso de novas oportunidades turísticas para os produtos do mar e o litoral na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, ligándoas a un modelo de ecoturismo.

Despois da aprobación de todas estas iniciativas por parte do GALP, o grupo está á espera agora da necesaria aprobación da Consellería do Mar para poder comunicar aos promotores a axuda que van a recibir para a realización dos mesmos.