Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP Golfo Ártabro Sur difunde o amplo abano de saídas laborais no sector do mar

Acaba de editar unha publicación divulgativa de referencia que recolle medio cento de titulacións de todos os niveis, desde educación superior, formación profesional e propias da Pesca en escolas náutico-pesqueiras e outros cursos de formación complementaria.

Máis aló das profesións histórica e tradicionalmente ligadas ao mar, e de sobra coñecidas por todos, como a de mariñeiro, armador, mariscadora,… as saídas profesionais relacionadas “coa auga salgada” en Galicia son moi numerosas, versátiles e diversas.

Co obxectivo de divulgar as grandes posibilidades laborais vinculadas ao medio mariño, o GALP Golfo Ártabro Sur acaba de editar a publicación “Profesións do mar” na que inclúe unha completa relación das máis de cincuenta titulacións de ciclo básico, medio, superior, graos, mestrados ou formación complementaria, así como os centros de ensino de toda Galicia onde se imparten.

Outros capítulos dedícanse aos itinerarios formativos e a unha relación de profesións do mar máis tradicionais, nas que tamén fan falla novos traballadores para cubrir o relevo xeracional e que non desaparezan. 

Divulgación

A mediados de decembro, a entidade impartiu varios obradoiros formativos e informativos en concellos do seu territorio como Arteixo, Cambre, Culleredo, ademais de dúas sesións online, que finalizaron o martes 21 en Sada cun último encontro presencial e a presentación pública desta publicación divulgativa.

Todas as xuntanzas estiveron abertas ao público en xeral, así como a entidades ou asociacións con interese neste temática, pero sobre todo estaban pensados como unha fonte de coñecemento útil para docentes con responsabilidade na orientación do alumnado, técnicos de emprego, ADL ou responsables de inserción laboral.

Os interesados, ademais de facer calquera consulta aos técnicos do GALP Golfo Ártabro Sur, tamén poden recoller un exemplar da publicación “Profesións do mar” en formato físico na sede do GALP (Casa do Mar de Sada). 

Equilibrio entre tradición e innovación

O obxectivo final desta iniciativa é que se coñeza de primeira man o gran potencial dun sector económico fundamental en Galicia que, actualmente, deriva cara á profesións como as vinculadas coa seguridade alimentaria, a I+D, a eficiencia enerxética, o salvamento marítimo, a sostibilidade, a xestión de residuos, o turismo, o ocio náutico, o turismo experiencial, a economía circular, a acuicultura ou a economía azul, entre outras moitas. “Temos que manter o equilibrio entre tradición e innovación para manter a herdanza material e inmaterial dun sector clave como é o do mar e, ao tempo, seguir avanzando para ser un referente mundial”, explican desde o GALP Golfo Ártabro Sur.