Sorry, you need to enable JavaScript to visit this website.

O GALP impulsa o emprego inclusivo e a cultura mariñeira con tres proxectos de cooperación

  • O Golfo Ártabro Sur participa, en colaboración con outros GALP de Galicia, nas iniciativas Pasaporte REMA, Relevo 2020 e Tanza: inclusión social, sector pesqueiro, economía circular.
Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur desenvolverá neste 2020 tres proxectos de cooperación xunto cos diferentes GALP de Galicia, que teñen como principais obxectivos poñer en valor e difundir o patrimonio mariñeiro atlánticoformar á mocidade na busca dun relevo xeracional no ámbito do mar e crear un ambiente de emprendemento inclusivo.
 
Os tres proxectos desta condición nos que está a participar o GALP neste ano son o Pasaporte REMA -Rede de Espazos Museísticos Atlánticos-, Relevo 2020 e Tanza: inclusión social, sector pesqueiro, economía circular.
 
Pasaporte REMA
O proxecto Pasaporte REMA, dentro da iniciativa Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), pretende dar a coñecer o mundo mariñeiro á xuventude e mocidade co obxectivo de preservar a cultura e historia mariñeira atlántica. Para conseguilo, estanse a deseñar actividades como un scape room portátil con tecnoloxía de realidade aumentada que circulará polos diferentes espazos museísticos do proxecto. Unha forma de achegar o mar á poboación máis nova co uso das novas tecnoloxías.
 
Tamén se están proxectando diferentes accións de promoción cultural, entre as que se atopan a impresión de guías informativas, a elaboración de cestas con artigos artesanais mariñeiros para aquelas persoas que visiten os espazos e a celebración dunha exposición itinerante que transite por todos os GALP galegos. 
 
Relevo 2020
A través desta iniciativa, o GALP busca profesionalizar o sector do mar e impulsar a innovación e a creación de emprego. Con este fin, organízanse formacións para a mocidade de 16 a 30 anos que se desenvolverán a partir de setembro deste ano. Con elas búscase capacitar á xuventude a través de cursos para que se produza o necesario relevo xeracional no sector pesqueiro.
 
Relevo 2020 constitúe un espazo de posta en común para a xuventude con inquedanzas, ideas e proxectos para o eido pesqueiro e social. Unha forma de sensibilizar á mocidade na importancia do sector para o desenvolvemento territorial.
No temario das formacións figurarán apartados como “Coñecemento do sector pesqueiro”, “Deseño da carreira profesional” ou “Recoñecemento de experiencias innovadoras”, entre outros. Os docentes serán profesionais do ámbito das Ciencias Experimentais e das Ciencias Sociais.
 
Na iniciativa participan o GALP Golfo Ártabro Sur, GALP A Mariña – Ortegal, GALP Golfo Ártabro Norte, GALP Seo de Fisterra Ría de Muros Noia Costa Sostible e GALP Ría de Arousa.
 
Tanza: inclusión social, sector pesqueiro, economía circular
Co proxecto Tanza preténdese crear un ámbito de emprendemento inclusivo no que fortalecer as sinerxías entre os Centros Ocupacionais e Centros Especiais de Emprego e as entidades do sector pesqueiro. Con esta actuación cooperativa crearanse novas oportunidades no ámbito económico,  produtivo  e  social,  que  reforzarán  a  inclusión de colectivos vulnerables.
 
Desta forma, crearase un tecido social e produtivo que facilite a integración das persoas con discapacidade ou outros colectivos co obxectivo de que no futuro estes poidan prestar servizos ás entidades do sector pesqueiro e outros axentes, fomentando ademais nas súas tarefas a economía circular.
 
Os sectores económicos do mar e as entidades que traballan a inclusión social permanecerán en contacto constante, fortalecendo as relacións para crear posibles colaboracións.
 
Na proposta participan o GALP Golfo Ártabro Sur, o GALP A Mariña Ortegal, o GALP Golfo Ártabro Norte, GALP Costa da Morte, GALP Seo de Fisterra Ría de Muros Noia Costa Sostible e o GALP Ría de Arousa.